Castiñeiro Milenario pecha o ciclo de teatro coa obra 'O Pano'
Castiñeiro Milenario remata o VIII Ciclo de Teatro este sábado, 30 de novembro, ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Begonte e dentro do circuíto profesional da Deputación de Lugo.
Bátega Teatro representará a obra O Pano, unha obra dramática dirixida a adolescentes e público adulto.
Esta representación enmárcase dentro da semana de actividades relacionadas co 25N para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que programa o Concello de Begonte e na que Castiñeiro Milenario colabora con esta obra.
Sinopse
Celia habita un espazo atemporal que evoca o século pasado. Vende cogomelos no mercado e lixa caixiñas de madeira, préstalle sentir a súa suavidade porque contrasta coa dureza da súa vida. Casou moi nova, mais o seu matrimonio foi tóxico e difícil. Veremos como afronta Celia esta situación desde a valentía e como reconstrúe a súa vida. Sau 43 é unha muller que fuxiu por unha fendedura temporal, vén desde o ano 2040 para traernos unha mensaxe moi importante. Ten a misión de evitar que a violencia machista se estenda por cada recanto. É hora de construírmos un futuro mellor.