Castiñeiro Milenario recupera este domingo o tradicional paseo micolóxico
Despois de tres anos, a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario celebrarán unha nova edición do Paseo Micolóxico.
No local da Asociación Veciñal do Castro e a partir das dez da mañá do domingo 25 de setembro, as persoas asociadas das dúas organizacións farán un paseo micolóxico por algunhas das fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Despois deste paseo, haberá unha comida conxunta de confraternidade no mesmo local social, cedido de xeito desinteresado para a ocasión. O xantar e a bebida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera socio que o desexe pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma e compartir cos asistentes.
O paseo dará comezo ás 10.00 e está prevista a súa finalización ás 13.00 horas, reservando as 14.30 para iniciar o xantar comunitario.
O Paseo Micolóxico é unha actividade de balde para socios de ámbalas dúas asociacións, mesmo o xantar correrá a cargo de SMLucus e a AC Castiñeiro Milenario.