Castiñeiro Milenario recupera o Ciclo de Teatro logo de cinco anos
A asociación Castiñeiro Milenario de Begonte recupera este ano o VII Ciclo de Teatro despois de cinco anos sen facerse.
Nesta edición contarán con tres representacións, todas elas dentro dos circuítos de teatro, tanto do afeccionado como do profesional, promovidos pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A primeira obra, coincidindo co Paseo Micolóxico que farán en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus será o 22 de setembro ás seis da tarde no local do Pobo da Asociación Veciñal do Castro. A compañía O Torques de Burela representará a obra titulada ODT-TIVE, unha comedia para todos os públicos
O Señor Godofredo de Bouillón foi asasinado no seu estudo (un recinto pechado por dentro). Atopado o corpo polo criado. xorde entón a seguinte incógnita: Se o Señor Godofredo foi asasinado de 23 puñaladas, como non hai unha soa mancha de sangue no lugar? Un inspector de renome é convocado para dar resposta a este misterioso asasinato. Quen o introducirá nos detalles do crime será o criado da casa onde se cometeu o crime A impericia e a falta de lóxica do novo inspector, sumado á distancia e a ironía impostas polo criado, desatan un sen fin de ocorrencias, conxecturas e situacións insólitas.
A segunda obra será o 9 de novembro, a partir das sete da tarde, na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro a cargo da compañía Grupo de Teatro do Hospital de Lugo que representará a obra Asasinato na tenda de roupa, unha comedia, tamén con asasinatos polo medio dirixida a todos os públicos.
Dona Katiusca ten unha tenda de roupa, que dirixe cunha actitude claramente tiránica. Na vida desta muller agóchanse unha chea de maldades e trampulladas. Un día calquera, a tenda énchese de clientas. Todo transcorre con normalidade ata que se descobren varios cadáveres. A situación complícase pero aparecen en escena o gran detective Sherlock Sánchez e o seu axudante Cirilo Burrámez, que conseguen resolver os crimes de desentrañar os segredos de Dona Katiusca.
Para rematar este ciclo o 30 de novembro ás sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte e dentro do circuíto profesional da Deputación de Lugo, contarán con Bátega Teatro representando a obra O Pano, unha obra dramática dirixida a adolescentes e público adulto.
Celia habita un espazo atemporal que evoca o século pasado. Vende cogomelos no mercado e lixa caixiñas de madeira, préstalle sentir a súa suavidade porque contrasta coa dureza da súa vida. Casou moi nova, mais o seu matrimonio foi tóxico e difícil. Veremos como afronta Celia esta situación desde a valentía e como reconstrúe a súa vida. Sau 43 é unha muller que fuxiu por unha fendedura temporal, vén desde o ano 2040 para traernos unha mensaxe moi importante. Ten a misión de evitar que a violencia machista se estenda por cada recanto. É hora de construírmos un futuro mellor.