‘Casting’, unha comedia sobre mulleres e máscaras, este sábado en Begonte


O vindeiro sábado 8 de novembro de 2025, ás 19.00 h, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario, en colaboración coa A. V. do Castro, ofrece unha proposta teatral sen custo, dirixida ao público adulto, no Centro Cultural de Begonte.
O espectáculo intítulase ‘Casting’ e está representado pola compañía Hipócrita Teatro. Trátase dunha comedia ácida cuxo fío condutor é un casting no que tres personaxes — Mirna Lois, diva dos anos 50; Norma Lee, actriz de cine erótico; e Úrsula Cimarrón, unha moza aspirante a actriz — compiten por un único papel. Todas elas están atrapadas polos seus corpiños-estereotipo, creados pola industria cinematográfica de Hollywood, que levarán ao límite do ridículo por tratar de encaixar nas expectativas do seu rol
.
A escena provoca unha reflexión sobre as imaxes fixas da muller en medios e cultura, ao tempo que ofrece humor e crítica. A actividade sitúase como previa ao XI Magosto Popular do Concello de Begonte, polo que invita a achegarse co ambiente preparado para pasar unha tarde en clave cultural, lúdica e consciente.