Castro celebra o Entroido durante dúas fins de semana
Castro prepárase para a chegada do Entroido que se celebrará en dúas fases, a primeira esta fin de semana dedicada aos máis pequenos, e a segunda, o tradicional concurso o 5 de marzo.
Así, os pequenos terán este domingo en Castro de Rei e o luns en Castro Ribeiras de Lea senllas festas infantís con concurso de disfraces, merenda de entroido, maquillaxe infantil, música, animación e bolsa de larpeiradas.
Estas celebracións, nas que haberá premios para as mellores parellas e grupos, ademais dos disfraces individuais mellor traballados, será de 16.00 a 19.00 horas, no centro sociocultural Xosé Manuel Carballo e na casa da cultura, respectivamente.
Estas festas están abertas á rapazada entre os 0 e os 14 anos.
A seguinte fin de semana terá lugar a tradicional Festa de Entroido en Castro Ribeiras de Lea a cargo da asociación CuldeCastro, o día 5 de marzo. A celebración arrancará a partir das 13.30 horas coa sesión vermú a cargo de Stereo Show e o DJ David Expósito de Radio Líder.
Ás 16.30 horas será a vez do desfile de entroido no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. Na categoría infantil haberá catro premios a nivel individual e catro de parellas, con premios entre os 80 e os 10 euros no primeiro grupo e de 120 a 20 no segundo. Para grupos os premios serán tamén 4 entre os 200 e os 25 euros.
Ademais, haberá tamén catro premios para adultos en individual, de entre 110 e 20 euros, e de parellas, de 180 a 20. Ademais, na categoría comparsas e carrozas repartiranse 700, 325, 150 e 75 euros.
Por outra banda, establécense tres premios adicionais para as comparsas do Concello de 200, 100 e 50 euros.
Para participar no concurso requírese inscrición previa ata o 1 de marzo nos teléfonos 687 730 688 e 627 395 007.
A festa rematará cunha cea aberta a todo o mundo a partir das 21.00 horas a base de pan, callos, churrasco, criollo, orellas de Entroido e bebida por 15 euros. A verbena, cos mesmos artistas que a sesión vermú, porá o fin de festa a partir das 23.00 horas.