Castro contará coa primeira unidade de atención dual da provincia

TerraChaXa
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que Castro de Rei contará coa primeira unidade de atención dual da provincia, un servizo pioneiro e especializado que permite tratar ás persoas con trastorno dual –con discapacidade intelectual e trastorno de conduta-, e ás que presentan patoloxía dual –trastorno psiquiátrico e drogodependencia-.
O presidente da Xunta visita a residencia da Fundación de Dano Cerebral (Fudace)
17 Xuño 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que Castro de Rei contará coa primeira unidade de atención dual da provincia, un servizo pioneiro e especializado que permite tratar ás persoas con trastorno dual –con discapacidade intelectual e trastorno de conduta-, e ás que presentan patoloxía dual –trastorno psiquiátrico e drogodependencia-.

Durante unha visita ás instalacións da residencia da Fundación de dano cerebral (Fudace), Feijóo precisou que este servizo ofrecerá un tratamento transversal, combinando técnicas de atención á toxicomanía, de saúde mental e de neuroloxía, a través de 16 prazas de atención residencial.

“En febreiro autorizamos a apertura desta instalación que incrementará en máis de 400.000 euros ao ano as prazas de dano cerebral na provincia de Lugo”, dixo, incidindo en que nos vindeiros meses este servizo estará plenamente funcionando coas 16 prazas que contarán con fondos públicos.

Así mesmo, entre os servizos que se ofrecerán estarán: coidados específicos ás necesidades de cada persoa; comedor con dietas personalizadas; atención dun psicólogo clínico e dun médico psiquiatra con coñecementos na área de adiccións; ademais dos servizos profesionais de enfermaría, educación social, terapia ocupacional e fisioterapia.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que o apoio da Xunta a esta unidade de atención dual enmárcase no compromiso xeral de apoio ás persoas con discapacidade e a unha Galicia máis integradora, que ofreza a cada persoa a atención que precise. Deste xeito, Galicia conta hoxe cun 25% máis de prazas de atención á discapacidade que hai dez anos, 5.400 en total; axilizáronse os procesos de valoración, coa posta en marcha de 14 novos equipos nas para reducir as listas de agarda nun 30%; simplificáronse os documentos que teñen que entregar as persoas para valorar a súa discapacidade; e incrementáronse por riba dun 40% os orzamentos para as federacións de entidades de atención á discapacidade.

Nesta mesma liña, resaltou o apoio decidido aos centros especiais de emprego e á integración laboral das persoas con discapacidade; o lanzamento da primeira oferta de emprego público autonómico da historia dirixida de maneira específica ás persoas con discapacidade; ou á mellora da accesibilidade de moitos edificios dependentes da Xunta, coa instalación de pictogramas.

Cooperación entre a Xunta e as entidades sociais
Para facer posible todo isto, Feijóo lembrou que o investimento autonómico en materia de discapacidade ascende a 106 millóns de euros neste ano, un 63% máis do que se dispuña en 2009.

O presidente do Executivo autonómico referiuse a este centro de Castro de Rei como un claro exemplo da colaboración entre as entidades sociais e a Xunta. Unha simbiose na que as entidades achegan o saber facer, a proximidade e a experiencia no trato coas persoas con discapacidade e as súas familias, e o Goberno galego pon a disposición o financiamento necesario para prestar este labor.

Deste xeito, neste complexo desenvolven o seu labor dúas entidades cunha importante traxectoria ao servizo das persoas: Fudace, orientada a persoas con dano cerebral e parálise cerebral; e a Cruz Vermella. E conta cun total de 87 prazas de atención a persoas con diferentes tipos de discapacidade: 36 prazas na residencia da Cruz Vermella, para persoas con parálise ou con dano cerebral, financiadas 100% pola Xunta; 35 prazas no centro de día da Cruz Vermella, para persoas con parálise cerebral, financiadas nun 30% pola Administración autonómica; e 16 prazas na residencia para persoas con dano cerebral que xestiona Fudace, que integramente financia a Xunta.

Feijóo concluíu aseverando que a Xunta seguirá traballando con dous compromisos normativos: o Decreto de accesibilidade, que ordenará as políticas da comunidade para mellorar a accesibilidade física e sensorial, e o Decreto do concerto social, que simplificará e flexibilizará a posta en marcha de prazas públicas en entidades sociais, especialmente no eido da discapacidade.

0.10667490959167