Castro de Rei acolleu unha xornada de Fademur polo 25N centrada na realidade das mulleres rurais

LugoXa | TerraChaXa
Un estudo asegura que seis de cada dez mulleres aseguran coñecer casos de malos tratos na súa contorna e máis do 76 % cre que non está tan protexida como nas áreas urbanas
xornada-fademur-violencia-no-rural
25 Nov 2025

As xornadas Aliadas Sororas, organizadas por Fademur con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, celebráronse este luns no local da Asociación de Mulleres Rurais “A Xuntanza”, en Castro de Rei. O encontro reuniu representantes institucionais e profesionais da loita contra a violencia machista, nun espazo de análise e reforzo do traballo en rede no ámbito rural.

A presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, abriu o acto dando paso ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, Roberto Barba, e á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, encargada da inauguración. López salientou que “sen recursos no rural non hai igualdade real nin protección eficaz fronte á violencia machista”, ao tempo que puxo en valor o estudo presentado por Fademur, no que seis de cada dez mulleres aseguran coñecer casos de malos tratos na súa contorna e máis do 76 % considera que non está tan protexida como nas áreas urbanas.

A subdelegada advertiu de que a violencia “é máis silenciosa nos pequenos municipios, onde o illamento pesa e a presión social pode frear a denuncia”, polo que instou a reforzar o acompañamento, a formación e os servizos públicos. Lembrou tamén o compromiso do Goberno de España cunha política feminista que garanta protección e dereitos “para todas as mulleres, vivan onde vivan”, e destacou o traballo realizado desde o Ministerio do Interior en formación dixital e resposta ás novas formas de violencia.

A xornada contou coas intervencións de Marisa Castro, xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación; David Rodríguez, tenente e xefe accidental da Compañía da Garda Civil de Vilalba; e Tamara Bello, integrante do equipo Viogén. Abordaron retos como o aumento da ciberviolencia entre a mocidade, o impacto do control dixital e a importancia da coordinación institucional.

Pola súa banda, o director xeral Roberto Barba explicou os recursos que a Xunta pon á disposición das vítimas, desde prestacións económicas para garantir autonomía ata servizos habitacionais, así como atención psicolóxica e xurídica gratuíta. Subliñou que a sensibilización segue a ser “a mellor ferramenta para previr calquera violencia” e destacou o convenio coa federación, dotado con 20.000 euros, para impulsar accións de prevención e detección no rural.

Olimpia López agradeceu a Fademur “o traballo constante, a investigación rigorosa e a capacidade para visibilizar realidades que durante anos quedaron fóra do debate público”, e concluíu asegurando que a Subdelegación do Goberno en Lugo permanecerá “á disposición para avanzar xuntas na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra todas as violencias machistas”.

⚙ Configurar cookies
0.076375007629395