Castro de Rei amplía o número de beneficiarios do programa Xantar na Casa co apoio da Xunta

LugoXa | TerraChaXa
As prazas dispoñibles pasan de seis a doce e son os servizos sociais municipais os que se encargan da selección dos usuarios
firma-convenio-xantar-na-casa-castro
13 Feb 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou a importancia de seguir consolidando unha rede de recursos locais que chegue a todos os recunchos da xeografía galega, en especial aos concellos rurais e con menor poboación. Fíxoo tras firmar co alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, a renovación e ampliación do convenio de adhesión do concello ao programa Xantar na Casa da Xunta de Galicia.

Con este acordo o concello duplica o número de prazas dispoñibles ao abeiro desta iniciativa, pasando das seis actuais ás doce. A través do Xantar na Casa, garántese unha alimentación saudable, equilibrada e adaptada a necesidades dos maiores que viven sos, das persoas con dependencia ou que están en risco de exclusión social.

Perfecto Rodríguez explicou que son os servizos sociais municipais os encargados de seleccionar ás persoas beneficiarias do programa, que reciben nos seus fogares e nunha única entrega o menú para os sete días da semana, festivos incluídos. Polo tanto, os usuarios so teñen que quentar os alimentos antes de consumilos. Ademais, facilítaselles neveira e microondas no caso de que non dispoñan deles.

O prezo de cada menú é de 7,32 euros, dos que a Xunta financia 3,46 euros, que supoñen practicamente o 50% do total, e o resto é asumido a partes iguais polo concello e o usuario: 1,95 euros cada un.

Na actualidade, o Xantar na Casa chega a máis de 2.500 persoas e a máis de 200 concellos de toda Galicia, repartíndose cada semana máis de 17.500 menús.

⚙ Configurar cookies
0.073786973953247