Castro de Rei arranxa unha casa en Matodoso para aluguer social

TerraChaXa
O Concello de Castro de Rei está a rehabilitar unha vivenda unifamiliar de dúas plantas no núcleo de Matodoso co obxectivo de destinala a aluguer social para familias con poucos recursos.
6 Xan 2020

O Concello de Castro de Rei está a rehabilitar unha vivenda unifamiliar de dúas plantas no núcleo de Matodoso co obxectivo de destinala a aluguer social para familias con poucos recursos. As obras, que empezaron o pasado mes de outubro e que se prolongarán durante varios meses máis, contan cunha subvención de 37.104 euros a cargo do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Esta vivenda trátase dunha das dúas que o Instituto Nacional da Colonización cedeulle ao Concello de Castro de Rei, orixinarias dos anos 80 e 90, e que se destinaron a familias con poucos recursos. O residente dunha delas faleceu recentemente deixando a vivenda en mal estdo, razón pola que comezan estes traballos.

O financiamento do IGVS non será suficiente polo que o Concello terá que aportar fondos propios ou buscar outra axuda.

A actuación inclúe obras no exterior do inmoble, de dous pisos, e no interior. Pintarase a fachada e o contorno da vivenda e salvo os baños reformarase todo integramente dentro, onde tamén se pintarán todas as habitacións e acondicionaranse.

O inmoble que se está rehabilitando está incluído no programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, que promove o IGVS coa Fegamp, e que destina casas baleiras de propiedade pública ao aluguer social.

0.18762493133545