Castro de Rei inviste 159.000 euros en melloras de estradas en 5 parroquias
O Concello de Castro de Rei destinará os cartos do Plan Único a un proxecto de rexeneración do pavimento dos accesos a varios núcleos de poboación en cinco parroquias, concretamente nas de Outeiro, Bazar, Duarría, Loentia e Ludrio. O proxecto está nestes intres en fase de licitación.
O orzamento da obra é de 159.000 euros, dos que o ente provincial achega algo máis de 120.000 euros e o Concello case 38.000.
As vías obxecto da obra están moi deterioradas debido á súa antigüidade e uso axudados polas inclemencias meteorolóxicas.
Os traballos, que contan cun prazo de execución dun mes, servirán para acometer a limpeza das cunetas e o aumento da anchura dalgunha das pistas. En todas elas mellorarase o firme con tripla rega asfáltico.
As vías obxecto do proxecto son a que vai do Cristo da Cainzada ata Riba do Miño, entre Outeiro e Bazar, cunha lonxitude de 1.890 metros; a pista de Veiga do Pumar a Guntín, de 1.085 metros, e o acceso a Veiga do Pumar, de case tres quilómetros, ambos en Bazar; o acceso a Tormentosa, en Duarría; as vías que van a Bouzaboa, cun trazado de 380 metros, e ás vivendas de colonización, de 1,3 quilómetros, en Loentia; e o acceso a Sumedo, de 870 metros, en Ludrio.