Castro de Rei inviste máis de 114.000 euros na mellora de vías municipais co Plan Camiña Rural

O Concello de Castro de Rei vén de poñer en marcha un ambicioso plan de rexeneración viaria ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, impulsado pola AGADER da Xunta de Galicia. O investimento total ascende a 114.685 euros e permitirá mellorar a accesibilidade a vivendas e explotacións gandeiras en diferentes puntos do municipio.
As actuacións previstas inclúen a pavimentación en aglomerado en quente e a renovación do firme en catro zonas estratéxicas. En Santa Comba de Orizón acometerase a mellora dun tramo de 1.470 metros, desde o límite coa parroquia de Teixeiro (Lugo) ata a estrada provincial LU-P-1114, facilitando o acceso aos núcleos de Freinoval e Orizón, así como a numerosas parcelas agrícolas.
En Pacios intervirase na estrada provincial LU-P-1106, dende a Escola ata o Barrio do Alto, incluíndo o acceso ao cemiterio parroquial e ás explotacións gandeiras da zona, cunha lonxitude de 665 metros.
Pola súa banda, en Ponte de Outeiro mellorarase a estrada que conecta as vías provinciais LUP-1112 e LU-P-1106, nun treito de 915 metros. Finalmente, en Ramil acondicionarase o vial municipal que une A Granda coa estrada N-640, nun tramo de 780 metros esencial para o acceso a vivendas e explotacións gandeiras da contorna.
Desde o Concello de Castro de Rei destacan que estas obras son posibles grazas á axuda pública que cobre o 80% do investimento, e subliñan a importancia de actuar sobre “as vías máis deterioradas” para mellorar a calidade de vida da veciñanza e apoiar ao sector agrogandeiro.
O goberno local considera que este proxecto supón un paso máis na modernización das infraestruturas municipais e confirma a aposta pola mellora continua dos servizos básicos no rural.