Castro de Rei licita de novo a xestión da residencia de maiores por un erro no prego

O Concello de Castro de Rei reiniciou o proceso de licitación para a xestión da residencia de persoas maiores e con discapacidade severa da localidade logo de detectar nun erro no prego correspondete ao orzamento total. Así, o novo contrato, ten un orzamento base de 5.098.632 euros cando no prego anterior era de 4.653.311,52 euros. Mantense a duración, que será de catro anos.
A empresa que actualmente xestiona o centro, Troncoso Casares SL, decidiu non acollerse á prórroga dispoñible, polo que se abre a oportunidade para que outras entidades opten a prestar o servizo. O alcalde, Francisco Balado, recoñeceu que a diferenza de custos respecto á adxudicación anterior foi determinante. "Os prezos de hai catro anos quedaron desfasados debido ao incremento dos custos laborais e de subministracións", indicou.
O custo anual estimado do servizo tamén foi actualizado e ascende a 1.274.658 euros. Tamén se estipularon as tarifas máximas que os usuarios deberán aboar segundo o grao de asistencia que precisen, variando entre 1.590 e 2.100 euros mensuais.
Actualmente esta residencia, que está completa e con lista de agarda, conta cun total de 53 prazas, das que 34 son residenciais e outras 19 para grandes dependentes.
As entidades interesadas en participar no proceso de licitación dispoñen de prazo ata as 23:59 horas do 21 de maio para presentar as súas propostas a través da plataforma da Xunta de Galicia.