Castro de Rei pon en funcionamento o caixeiro da oficina de Correos
Castro de Rei pon en marcha estes días o seu novo caixeiro automático, que se instalou tras un convenio firmado entre o Concello e a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos SA.
A ubicación, como no podía ser doutro xeito, é a oficina de correos da vila, de titularidade municipal sendo este o edificio elixido por contar con todas as conexións para o seu funcionamento.
Entre as obrigas das partes, o Concello asumiu a cesión do local, o consumo eléctrico e os gastos de contraprestación, en tanto que Correos asume a instalación e o mantemento interno do caixeiro.
Para a súa instalación fixo falta a autorización do servizo de patrimonio cultural, xa que a ubicación atópase dentro do conxunto histórico-artístico de Castro de Rei, e ademais nun edificio catalogado como é o da antiga escola.
O caixeiro permite realizar as operacións bancarias máis solicitadas como retirar saldos, facer ingresos e incluso xestionar recibos de tributos e taxas locais ou doutras administracións a través da oficina de correos, ofrecendo servizos complementarios e distintos aos que dispensan os caixeiros convencionais
"Dende o Concello levabamos dous anos intentando conseguir a instalación dun caixeiro, contactando incluso con varias entidades bancarias polo que con esta modalidade poderemos ofrecer un servizo que terá boa acollida entre a veciñanza e permitirá realizar as xestións bancarias máis demandadas", explica o seu alcalde, Francisco Balado.
Deste modo a vila recupera este tipo de servizo tras 13 anos desaparecido, concretamente dende que pechou a última entidade bancaria, hai máis dunha década. O Concello iniciou a xestión do caixeiro no mes de maio a están en marcha nos próximos días.