Castro de Rei quere crear unha ruta de sendeirismo pola Vía Rexia

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Castro de Rei iniciou os trámites para solicitar á Secretaría Xeral de Turismo a creación dunha ruta turística de sendeirismo sobre parte do itinerario que discorre pola Vía Rexia do Norte.
7 Mar 2024

O Concello de Castro de Rei iniciou os trámites para solicitar á Secretaría Xeral de Turismo a creación dunha ruta turística de sendeirismo sobre parte do itinerario que discorre pola Vía Rexia do Norte.

A denominación da ruta é a de Camiño Rexio e ten como obxectivo poñer en valor un camiño de peregrinación a Santiago que se desviaba do Camiño Norte en San Tirso de Abres, e que se unía co Camiño Primitivo en Lugo.

Segundo explican desde o Concello, este camiño, ao seu paso polo concello de Castro de Rei "conta con numerosos elementos singulares que se atopan no seu trazado".

Trátase dunha ruta histórica que en parte discorre por varios camiños xa existentes, de titularidade municipal e que en ocasións pasa por algún tramo paralelo á estrada N-640, na que poden visitarse elementos moi significativos, como a Fonte da Troita no Couto de A, o Castro de Viladonga, as igrexas de Ludrio e Mondriz, así como o Pazo situado a escasos metros da igrexa parroquial, ou mesmo a Fonte da Virxe de Duancos, entre outros.

As actuacións a realizar consisten na sinalización de paso da ruta con frechas de localización, a adaptación de zonas para uso peonil en vías municipais, a colocación de paneis informativos ao longo da ruta así como de paneis identificadores das súas características.

O custe destes elementos é de 36.000 euros, que será a contía que solicite o Concello en forma de achega para poñer en marcha este proxecto.

0.17199182510376