Castro de Rei rehabilitará os camiños das zonas de reestruturación parcelaria
O Concello de Castro de Rei inicia o procedemento de licitación para executar un plan de rehabilitación de camiños en zonas de reestruturación parcelaria da Xunta de Galicia, tal e como informou o alcalde, Francisco Balado.
Neste proxecto acometeranse actuacións en distintas zonas de concentración parcelaria do Concello, entre as que se citan varias parroquias. Unha delas é a de Bazar, na que se actuará nos lugares de A Mudia, As Penelas e Cornide. Así mesmo afectará a Ponte de Outeiro e Pacios, concretamente na zona da Ponte, desde a LU-120 ata Pacios.
En Ramil está previsto que actúen no Caxigal e Medianeiros e na parroquia de Balmonte estarán na zona da Igrexa, Vilaseñor, A Valiña e Zacariade. Finalmente, tamén teñen previstas actuacións en San Martiño de Goberno, concretamente nos lugares de Anoca, Outeiro e Ameixide.
A actuación deste plan ten un orzamento de 199.377,50 euros e consistirá principalmente nun dobre tratamento bituminoso de asfalto que se aplicará sobre todas as vías de titularidade municipal con regularización nas zonas nas que o firme estea máis deteriorado, así como a limpeza de cunetas.