Castro de Rei remata o proxecto de instalación da recollida de biorresiduos

LugoXa | TerraChaXa
Establecementos do canal Horeca, comercios de alimentación e centros educativos, entre outros, foron os destinatarios desta iniciativa
contedor-marron
27 Xul 2024

O concello de Castro de Rei, ao abeiro das axudas a entidades locais de Galicia para o
financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal,
cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e
resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia,
financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, levou a cabo un proxecto de
implantación da recollida separada de biorresiduos en grandes xeradores.

Establecementos do canal Horeca, comercios de alimentación e centros educativos, entre
outros, foron os destinatarios desta iniciativa, recibindo visitas porta a porta por parte de
técnicos ambientais que trataron de sensibilizar in situ sobre a separación selectiva dos
biorresiduos informándolles sobre as vantaxes ambientais, económicas e sociais derivadas
desta modalidade de xestión. Asemade, fíxose entrega aos interesados de caldeiros, rolos
de bolsas compostables e guías de biorresiduos a fin de facilitar o depósito diferenciado dos
residuos orgánicos nos contedores existentes na vía pública.

Para esta actuación, o Concello de Castro de Rei recibiu unha subvención de 13.239 euros repartidos en dúas anualidades, a primeira de 10.503 no ano 2022 e a segunda, de 2.646 euros de concesión.

O custe do proxecto é de 7.799,10 euros, explicou o alcalde, Francisco Balado. Nesta primeira quenda chegaron ao Concello un total de 80 contedores marróns, só para residuos orgánicos "co obxectivo de ir implantando esta recollida separada, é difícil pero primeiro hai que ir concienciando á xente, para que faga esta separación e pouco a pouco ir traballando", explicou.

A gran maioría de cidadáns galegos teñen asumida a separación dos residuos que xeran nas súas vivendas e a súa división en catro grandes bloques: papel e cartón, vidro, plásticos e resto de lixo, grupos que tamén se coñecen polas cores dos contedores onde se recollen: azul, verde, amarelo e gris. Con todo, aínda non está tan xeneralizado no conxunto da comunidade o cubo marrón encargado de recoller os residuos orgánicos, un procedemento que ademais debe estar garantido en todo o territorio da Unión Europea, como moi tarde, o 31 de decembro do 2023 e que busca optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e ademais impulsar a economía circular desde o ámbito local.

A implantación definitiva do contedor marrón é un dos obxectivos da estratexia autonómica, pero non o único: outro dos puntos destacados é concienciar á cidadanía da correcta eliminación de refugallos domésticos especiais, como poden ser os aceites e o material téxtil; así como a instalación de novos puntos verdes (actualmente coñecidos como puntos limpos).

A administración é consciente que a sociedade galega aínda ten que familiarizarse coa recollida separada nos fogares dos biorresiduos, é dicir, restos orgánicos da comida, como poden ser peles de froitas e verduras, cascas de ovo ou restos de carne e peixe. A súa división é clave á hora de reciclar para que esta materia entre no ciclo da economía circular segundo marca a normativa comunitaria e volva cunha nova vida, como fertilizante natural, o coñecido compost. Para iso, hai dúas opcións, segundo o modelo demográfico de cada municipio e a dispersión da poboación: a compostaxe comunitaria, que irá no contedor marrón, ou a compostaxe individual.

0.12193989753723