Castro de Rei remata os traballos de acondicionamento dunha nova ruta de sendeirismo histórica no Camiño Rexio

En virtude do convenio de colaboración asinado coa Axencia de Turismo de Galicia o día 25 de marzo de 2025, o Concello de Castro de Rei executou o proxecto de creación da ruta de sendeirismo Camiño Rexio e a sinalización dos elementos máis representativos, unha nova ruta de sendeirismo que segue o itinerario da antiga vía de peregrinación a Santiago denominada Vía Rexia.
O percorrido desta ruta é duns 15 kilómetros e discorre polas inmediacións do Castro de Viladonga, preto da igrexa desta parroquia e do barrio do Curro, pola Ponte do Busto, Os Paraños, O Vilar, a Fonte da Virxe de Duancos, a Fonte e Casa de Canaval en Duancos, e Orizón. A ruta mantense, na súa maior parte, sobre camiños históricos asfaltados, polo que o proxecto centrouse na mellora da seguridade para os viandantes e na correcta sinalización dos puntos máis relevantes do trazado. Leváronse a cabo diferentes intervencións, como a adecuación de camiños municipais para uso peonil, incluíndo a limpeza de sendeiros en desuso e a recuperación de tramos tradicionais.
Os traballos realizados no marco do citado convenio consistiron tamén na recuperación de zonas de paso, na sinalización de cruces e desvío da ruta (para o que se colocaron 120 frechas indicativas), na colocación de 5 paneis informativos de bens patrimoniais (capela de San Amaro en Ludrio, Fonte de Canaval en Duancos, Fonte da Virxe en Duancos e igrexas parroquiais de Mondriz e Ludrio), na instalación dun panel indicativo ó inicio da ruta e no deseño da ruta e creación dos contidos dos paneis.
Trátase dunha actuación coa que se acadou o propósito de poñer en valor e conservar os elementos patrimoniais, etnográficos e históricos de Castro de Rei coa posta en valor deste camiño de peregrinación cara a Santiago. A ruta atravesa o municipio de nordeste a sueste, aproximándose ao límite co Concello de Pol, desde onde procede a antiga vía de peregrinación, e finalizando no límite co Concello de Lugo.
A iniciativa contou cun orzamento de 36.300 euros, financiado integramente pola Axencia de Turismo de Galicia. Esta achega cubriu tanto os traballos de recuperación e sinalización da ruta como a elaboración dos contidos informativos para os paneis que se distribuirán ao longo do percorrido.