Castro de Rei: Ruta da Escrita

TerraChaXa
Ademais dun percorrido polo patrimonio natural poden lerse en 24 pedras versos de escritoras e escritores da Terra Chá
santa-leocadia-ruta-da-escrita
9 Feb 2025

Trátase dunha senda duns sete quilómetros de lonxitude que vai da igrexa de Castro de Rei á parroquia de Coea. Ao seu paso, o camiñante, ademais de desfrutar dunha paisaxe natural, atópase 24 pedras con poemas sobre a comarca chairega e, a 300 metros da igrexa parroquial de Santa Leocadia, pode verse a gran vía crucis da comarca, e a estatua do Sagrado Corazón, que vixía a Terra Chá desde os seus 25 metros de altura.

Natureza e patrimonio danse a man neste percorrido, que arranca desde o corazón da vila que lle dá nome ao concello, ao lado da igrexa de San Xoán, polo que debemos aproveitar para visitar o seu centro histórico. No século XVI foi levantado o castelo de Castro de Rei, que lle deu nome, brasón e escudo á vila.

O castelo, que co núcleo de poboación, estivo rodeado de murallas, conservouse en pé ata 1941, ano no que desapareceu. O altonazo no que se acha o núcleo primitivo da vila foi un castro rodeado polos ríos Azúmara e Torneiros, conserva restos das antigas defensas do castro e da fortaleza. Con data 4 de febreiro de 1971 a vila foi declarada conxunto histórico e paraxe pintoresca.

Algúns consideran o inicio real da ruta na igrexa de Santa Leocadia. Desde este templo iniciamos a camiñada por un dos vía crucis máis singulares de Galicia, formado por 14 estacións talladas en pedra, que percorre un traxecto duns 300 metros ata chegar á imaxe do Sagrado Corazón, que é lugar de peregrinación desde hai case un século.

Inaugurado en 1931, este monumento é un tributo á unión comunitaria de Castro de Rei que puxo da súa parte para a súa construción. A impresionante estatua do Sagrado Corazón de Xesús, érguese nunha estrutura de 14 metros de altura, todo en granito. Repousa maxestuosamente na cima do monte, visible desde numerosos puntos da rexión. Desde alí, ofrécese unha vista panorámica extraordinaria dos arredores.

No ano 2015, a escultura de case cen anos que foi colocada por iniciativa de Alejandro Rey Stolle neste lugar, foi substituída por unha réplica que foi encargada a Juan Novo. A estatua propiamente dita pesa uns 3.000 quilos e mide dous metros e medio.

Considerado un destino de peregrinación, este monumento atrae a turistas e visitantes. Cada 9 de setembro, celébrase unha festividade en honra ao Sagrado Corazón de Xesús. Esta celebración representa unha oportunidade única para mergullarse na cultura e tradicións da zona, con procesións e actividades relixiosas.

Seguimos cara adiante para atopar os poemas de escritores e escritoras da Terra Chá ou vinculados á bisbarra. Aí a velocidade da camiñada verase alterada pola lectura dos poemas. A ruta levaranos ata o río Azúmara, afluente do Miño de 25 quilómetros, que nace en Montecubeiro e logo de pasar por terras de Pol, verte as súas augas en Coea.

Logo de cruzar o río atopamos o Muíño de Veiga e Acea, edificación tradicional na que a veciñanza da zona moía os cereais. O inmoble, en bo estado de conservación, é un dos exemplos de muíños de auga que temos en Galicia. De feito, funciona da mesma maneira que hai un século e ao seu dono gústalle coidalo con atención e dar boa acollida aos visitantes.
As verbas de Xosé Luis García Mato son as encargadas de poñer punto e final a esta ruta.

sagrado-corazon-de-xesus-castro-de-rei
0.17148208618164