Castro celebrará a súa Festa da Malla o 26
O concello de Castro de Rei celebrará un ano máis a festa da Malla que se dividirá en tres xornadas. A primeira terá lugar o día 4 coa sega, que terá lugar detrás do cemiterio na propia capitalidade municipal. A seguinte xornada festiva será o 19 de agosto coa meda para rematar o 26 de agosto coa malla, día principal da festa.
Novamente a xornada festiva da malla comezará pola mañá coa propia malla para xuntarse todos ao mediodía para o xantar popular, que terá lugar no campo da feira, diante do Concello. A organización preparará, como en anos anteriores, uns tickets para mercar os interesados en sumarse á comida, que estarán dispoñibles a partir do 6 de agosto nos lugares habituais e ata o 24.
Pola tarde está prevista a actuación dun dúo musical que animará o resto da xornada.
Un ano máis esta festividade está organizada pola Asociación Amigos da Feira, que leva preto de 20 anos ocupándose desta festa coa que se intenta recuperar unha tradición agraria da zona.
As previsións estiman unha participación de 600 persoas, que é o número de persoas que participaron o ano pasado nesta celebración.