Catro actuacións poñen fin aos Xoves na Biblio do 2024
O Concello de As Pontes continúa co seu programa de actividades Xoves na Biblio, que ofrecerá durante o mes de decembro unha variada programación cultural para toda a familia. Estas citas, organizadas coa colaboración da Deputación da Coruña e a biblioteca municipal, teñen lugar os xoves ás 18:00 horas en diferentes localizacións da vila.
Comezarán o 5 de decembro con Degustación de Imposibles, un espectáculo máxico a cargo do Mago Joshua Kenneth. Destinado a público familiar, terá lugar no Teatro Alovi. O 12 de decembro será a vez de O Tesouro, da man de Trécola Teatro. Unha obra recomendada para nenos e nenas a partir de 3 anos, que se representará na Casa Dopeso.
O 19 de decembro terá lugar Cabicicai, unha divertida proposta de Pablísimo para pequenos a partir de 3 anos, tamén na Casa Dopeso. Rematarán o 26 de decembro con Aí Vén o Apalpador, de Gramola Gominola, un espectáculo musical ideal para despedir o mes. A cita será no Teatro Alovi.
Con estas actividades, o Concello aposta por promover a cultura, o lecer e a convivencia familiar durante a tempada de Nadal.