Catro alumnas do IES de Foz lograron premios en campionatos galegos de hostalería

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Mar 2020

Catro alumnas matriculadas no Ciclo Medio de Servizos do IES de Foz gañaron premios nos 4 campionatos galegos celebrados recentemente no ámbito da Hostalería.

Rocío Jiménez logrou o segundo premio do Campionato de Sumillería Suso Domínguez, do CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra. Andrea Miranda gañou o primeiro premio de coctelería clásica Xosé Moldes, do IES Fragas do Eume, de Pontedeume. Iria Pardo conseguiu o terceiro premio no certame de cata de escolas de Hostalería do IES de Foz. E Perla Sención foi a terceira en baristas de escolas de Hostalería no IES de Foz.

O IES de Foz felicítaas a todas elas, xa que “o seu traballo e esforzo redunda nunha mellor ensinanza e profesionalizan o sector, sendo un orgullo para o centro e contribuíndo a visibilizar a figura da muller dentro dun sector como é o da hostalería, onde, malia que as mulleres supoñen o 53 por cento, a gran maioría de cociñeiros e sumilleres recoñecidos son homes”.

Ademais outros dous estudantes do IES Foz conseguiron premios en senllos certames: Fran García gañou o campionato de coctelería interescolas de Monin, celebrado en Madrid, e Juan Rubiños logrou o segundo premio no concurso de cata profesional do IES de Foz.

O Ciclo Medio de Servizos do IES de Foz “ten unha duración de dous cursos e dá acceso a ciclos formativos de grao superior, como á dobre titulación de FP Dual, que tamén temos no centro, de Dirección de Servizos e Dirección de Cociña, conxugando dous ciclos superiores nun, polo que se fai en tres anos en vez de en catro”.

0.11231899261475