Catro GDR galegos únense para impulsar o turismo interior a través dun proxecto de escape rooms temáticos

TerraChaXa
O primeiro será o 29 de agosto ás 17:00 horas na Praza de Santa María de Vilalba
escaperoom-vilalba
4 Aug 2025

Catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos —Terras de Miranda, Seitura, Montes e Vales Orientais e Terra Chá, este último como entidade coordinadora— puxeron en marcha un ambicioso proxecto de cooperación co obxectivo de dinamizar o turismo interior e poñer en valor o patrimonio cultural e natural dos seus territorios.

A iniciativa consiste na creación dunha rede de escape rooms, repartidas entre os catro GDR. En total, desenvolveranse dous en Terra Chá, dous en Montes e Vales Orientais e tres en cada un dos outros dous territorios participantes, o que permitirá que os visitantes descubran as singularidades locais a través dun formato lúdico e participativo.

O proxecto será presentado oficialmente no mes de agosto, antes do primeiro, que será o 29 de agosto ás 17:00 horas na Praza de Santa María de Vilalba. A primeira escape room estará ambientada na figura histórica dos Andrade, unha temática común a varios dos espazos que se proporán ao longo da campaña.

Posteriormente, o 25 de outubro, celebrarase outra das probas na parroquia de Gontán, no concello de Abadín.

A participación nas actividades é gratuíta, mais será preciso inscribirse a través dunha plataforma en liña habilitada especificamente para o proxecto. As probas están pensadas para todos os públicos e permitirán aos asistentes descubrir os recunchos máis descoñecidos de cada territorio mentres resolven enigmas e desafíos relacionados coa historia e cultura local.

Ademais da experiencia en si, o proxecto ofrece incentivos adicionais: todos os participantes que completen a proba entrarán no sorteo dunha cesta con produtos típicos das catro comarcas implicadas. Ao finalizar cada escape room, celebrarase tamén unha degustación aberta ao público, na que se poderán saborear produtos locais.

Os gañadores das diferentes edicións recibirán como premio experiencias sorpresa noutros territorios, co fin de seguir promovendo o intercambio cultural e a conexión entre zonas rurais galegas.

Con esta proposta, os GDR buscan fomentar o turismo sostible, atraer visitantes durante todo o ano e ofrecer unha alternativa innovadora de lecer vinculada ao coñecemento e ao territorio, consolidando así novas formas de dinamización rural.

⚙ Configurar cookies
0.14953207969666