Catro parroquias de Begonte contan con novo servizo de abastecemento de auga

TerraChaXa
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio executou obras de renovación da rede de abastecemento de auga no concello de Begonte, que contaron cun orzamento de 243.
2 Abr 2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio executou obras de renovación da rede de abastecemento de auga no concello de Begonte, que contaron cun orzamento de 243.000 euros e serviron para optimizar o seu funcionamento e rendemento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona da actuación, que se executou nas parroquias de Baamonde e San Martiño de Pacios pero serviu para mellorar o abastecemento de auga potable tamén nas de Bóveda e O Castro, beneficiando en conxunto a máis de 700 veciños e veciñas distribuídos nunha vintena de núcleos de poboación.

En concreto, a actuación desenvolveuse nas marxes da estrada N-VI entre os núcleos da Ponche de Arriba e Baamonde, e no ámbito urbano da localidade de Baamonde. Os traballos consistiron na substitución das canalizacións principais de distribución; en total, a rede de distribución construída está formada por catro tramos que suman preto de 3,3 quilómetros de tubaxe.

Tamén se realizaron 19 conexións á rede de abastecemento existente e repuxéronse os pavimentos afectados pola execución das obras, maioritariamente pavimentos de formigón, asfálticos e beirarrúas, así como as cunetas, boquillas de pozo, boquillas de aletas e caños de formigón de diversos diámetros. Igualmente, repuxéronse tamén as acometidas domiciliarias que se viron afectadas polas obras.

Os traballos na zona xa están rematados. Balseiro subliñou o esforzo que realiza a consellería para “estender e mellorar os servizos básicos, e en especial o abastecemento, impulsando estas dotacións en todo o territorio”.

 

0.13000202178955