Caxoto abre a programación de maio dos Xoves na Biblio das Pontes
Os Grandes Éxitos de Caxoto abre o día 2 a programación dos Xoves na Biblio das Pontes e que constará de cinco actividades.
Así, comezarán con esta actividade para nenos a partir de 3 anos.
Neste ano 2024 Caxoto cumpre 20 anos enriba dos escenarios contando contos por toda Galicia e media España. En todo este tempo o conto foi o principal ingrediente do seu traballo... pero non o único! Se os contos foron o sal, a música foi a pementa. A través das cantigas tradicionais, dos xogos musicados, dos instrumentos peculiares,... Caxoto foi xuntando todo un amplo repertorio musical que vai dende o jazz chairego de Manuel María, á bossa nova mariñeira, pasando pola nosa rica tradición musical e as cantigas infantís de toda a vida. E todo no mellor acompañamento musical posible: Gaita, pandereta, ukelele, whistle, ácordeón, birimbao, xilófono
Para celebrar as dúas décadas vivindo do conto, Caxoto fai unha selección de todas estas cantigas, contos e xogos neste Grandes éxitos 2004-2024. Un espectáculo divertido e participativo para todos os públicos... e todas as gorxas.
A representación terá lugar ás 18.00 horas na Casa Dopeso.
A próxima semana será a vez do espectáculo Consertasso na Horta, de Brais das Hortas para pequenos a partir de 2 anos. Continuarán o 16 falando das Letras Galegas. O colectivo Polo correo do Vento presentará Tinta do mar. Luisa Villalta, nunha adaptación para nenos a partir de 4 anos.
O xoves 23 será a vez de Contando números, cantando cores, de Pablo Díaz, espectáculo para maiores de 2 anos. Rematarán o 30 con Leo Leíño, que fará Maxia tola e lectora, para aqueles que teñan 5 anos en adiante.
Tamén estes serán na Casa Dopeso a partir das 18.00 horas.