CC.OO denuncia a situación de Servicarne, que opera tamén en Castro de Rei

TerraChaXa
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia que máis de 1500 falsos autónomos operan coas grandes industrias cárnicas galegas a través de Servicarne, que pola súa vez é unha falsa cooperativa.
21 Mar 2018

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia que máis de 1500 falsos autónomos operan coas grandes industrias cárnicas galegas a través de Servicarne, que pola súa vez é unha falsa cooperativa. Voceiros do sindicato explicaron esta mañá en conferencia de prensa as actuacións levadas a cabo contra esta empresa, que recibe encargos de importantes matadoiros en tres provincias galegas. Segundo os datos do sindicato, o groso da fraude estaría na provincia de Ourense, con case a metade dos casos, situándose a seguir Lugo e Pontevedra.

Actualmente, a Inspección de Traballo, a instancias de CCOO, está a ultimar actuacións contra Servicarne en dúas liñas: primeira, determinar que é unha falsa cooperativa; segunda, constatar que hai unha relación laboral entre as persoas socias da cooperativa e a empresa cárnica —serían falsos autónomos, xa que logo.

A denuncia de CCOO contra Servicarne é parte dunha campaña de alcance estatal que o sindicato emprendeu o pasado mes de decembro contra diferentes cooperativas de traballo autónomo que Comisións Obreiras considera que cometen fraude —trataríase de falsos autónomos— e competencia desleal, especialmente no sector cárnico.

Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO de Galicia, Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Lola Santillana, secretaria confederal de Emprego de CCOO e Vicente Canet, responsable estatal de CCOO no sector agroalimentario.

Actualmente, Servicarne traballa para nove empresas, centros de produción ou procesamento cárnico de Galicia, con presenza en tres das catro provincias galegas. En Lugo capital opera con Suavi (na parroquia de Carballido), Novafrigsa e Frigolouro (parroquia de Coeses), e no resto da provincia con Sada P. A. Castilla Galicia (concello de Castro de Rei). En Ourense presta servizos a COREN, tanto no centro de produción da capital como no de Santa Cruz de Arrabaldo, así como á cooperativa Unimiño (concello de Baltar). Por último, na provincia de Pontevedra traballa con Cogal (concello de Rodeiro) e novamente Frigolouro (O Porriño).

Segundo datos do sindicato, uns 800 falsos autónomos de Servicarne traballan coas cooperativas de Coren. En Lugo, unhas 200 persoas están subcontratadas por Novafrigsa e un cento polo grupo Sada. Na provincia de Pontevedra destaca o caso de Frigolouro que, como xa se indicou, conta cuns 260 falsos autónomos. Estas grandes empresas concentran case o 90 % dos 1500 casos denunciados por CCOO.

O secretario xeral de CCOO comezou salientando o peso da industria cárnica en Galicia, pois representa ao pé do 5 % do PIB e ao seu redor formouse «boa parte» da reputación que posúe a marca «Galicia Calidade». Porén, Sarmiento reprochou que, aínda hoxe, parte da clase empresarial «crea ter dereito de explotación sobre a clase traballadora galega» e instou a que a «calidade» non só se refira aos produtos, senón tamén ás condicións laborais.

Segundo o dirixente sindical, «cando falamos de fraude na contratación, somos unha comunidade punteira». Os datos que manexa o sindicato indican que a presenza de falsos autónomos é dun 10 % na media estatal, cifra que se multiplica por catro en Galicia. «Destacamos pola precariedade e pola temporalidade», lamentou. Por esta razón, Sarmiento instou as «empresas que son bandeira» no sector a que tomen as medidas axeitadas para «desterrar» do mercado de traballo esta figura fraudulenta.

Pola súa parte, a secretaria confederal de Emprego de CCOO comezou a intervención lembrando que «non saímos da crise», pois aínda hai un 34 % de contratos a xornada parcial e un 92 % de temporalidade. Asemade, aumentan as figuras fraudulentas como os falsos autónomos e falsas cooperativas.

Tras lembrar que o 4 % do sector cárnico español está en Galicia, Lola Santillana instou o Goberno estatal a implicarse na procura de solucións. Neste senso, informou de que mañá mesmo terá lugar en Madrid unha reunión co secretario de Estado de Emprego para garantir o emprego en Servicarne.

Para a sindicalista, a situación é «moi grave», xa que en moitas empresas o 90 % do cadro de persoal está formado por persoas en réxime de autoemprego, isto é, falsos autónomos. «Son traballadoras e traballadores totalmente desprotexidos», enfatizou. Nesta batalla, CCOO irá «da man dos cooperativistas». De feito, xa asinou un convenio de colaboración cunha asociación de traballo cooperativo para, de consún, loitaren contra a fraude.

O secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia salientou ese traballo común do sindicato coas verdadeiras cooperativas e os cooperativistas. «Non imos contra eles, senón con eles. Na defensa dos seus dereitos e do resto do sector». Neste liña, lembrou que Comisións está a manter asembleas en que os falsos autónomos participan, e mesmo algúns «tiveron a valentía» de denunciar xudicialmente a súa situación.

En opinión de Víctor Ledo, «cómpren solucións» a este problema. Segundo os datos de que dispón o sindicato, dos máis de 4000 postos de traballo que o sector cárnico xera en Galicia, 1500 están ocupados por falsos autónomos que operan a través de Servicarne. Representan máis da cuarta parte, cando no resto do Estado, de media, non superan adoito o 10 %.

Ledo denunciou que nos últimos anos se está a producir no sector cárnico galego a substitución de persoas con contratos indefinidos por outras subcontratadas mediante estas figuras fraudulentas. Ademais, traballadoras e traballadores con postos estables «vense relegadas a ocupacións secundarias que poderían ser facilmente amortizables». Puxo como exemplo a factoría de Frigolouro no Porriño, que tiña uns seiscentos empregos estables e hoxe case a metade —uns 260— son falsos autónomos de Servicarne.

O responsable estatal do sector Agroalimentario de CCOO, Vicente Canet, alertou sobre os prexuízos que sofren estes falsos autónomos: sen dereito á sindicación —teoricamente non son asalariados—, sen dereito á negociación colectiva —non se rexen por un convenio, senón por contratos mercantís— e habitualmente sen información nin formación axeitada canto á prevención de riscos laborais.

Tamén están os prexuízos económicos. Partindo dos datos que Frigolouro lle facilitou á Inspección de Traballo —novamente, tras unha denuncia de Comisións Obreiras—, CCOO conclúe que este colectivo cotiza aproximadamente a metade do que os seus equivalentes da empresa principal.

Ao prexuízo da cotización inferior —a base mínima para os autónomos é de case 920 euros mensuais—, cómpre lembrar que os falsos autónomos deben facer fronte aos 275 euros mensuais da cota que aboan á seguridade social, que se detrae do seu «soldo», custo que asumen as empresas no caso do persoal asalariado.

Alertou tamén Canet de que esta situación, amais de «inxusta» para o colectivo afectado, constitúe un quebranto ás contas públicas, xa que se está a producir unha infracotización á seguridade social que cifrou nuns sesenta millóns de euros anuais.

0.040354013442993