CC.OO rexeita o acordo asinado entre o Sergas e os colexios médicos e científicos

TerraChaXa
A Comisión Executiva da Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o acordo asinado entre o Sergas, os colexios médicos e as sociedades científicas.
8 Abr 2019

A Comisión Executiva da Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o acordo asinado entre o Sergas, os colexios médicos e as sociedades científicas. Para o sindicato, é «inaceptable» que a Administración sanitaria persista nunha política de negociar fóra da mesa sectorial cuestións que debe tratar coa representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Comisións advírtelle ao Sergas que non vai aceptar acordos «que deixan fóra os traballadores e traballadoras da atención primaria». Ademais, o sindicato non cre que a solución aos graves problemas neste ámbito se poidan resolver coa creación de sesenta novas prazas de persoal médico, xa que a carencia de persoal é moi superior a esa cifra en diferentes categorías, tal como recollía o Plan de mellora de atención primaria, aprobado conxuntamente cos sindicatos e tombado unilateralmente polo PP.

Entre as categorías con déficit de persoal, CCOO cita medicina de familia, pediatría, servizos xerais (PSX), enfermaría e coidados auxiliares de enfermaría (TCAE), celadores e celadoras, fisioterapia, psicoloxía, odontoloxía, traballo social ou matróns e matronas.

Para CCOO, tamén «chama a atención» que o plan do Sergas pretenda reforzar as xefaturas de servizo médicas, subordinando a elas os demais colectivos.

Como alternativa, CCOO esixe que a Administración negocie cos sindicatos calquera cuestión que afecte ao persoal, e pide incrementar o orzamento sanitario, do actual 5,7 % PIB ao 7,1 %. Desa porcentaxe, pide destinar a atención primaria o 25 %, fronte ao 12 % actual.

0.16919207572937