CCOO denuncia que o Concello Vilalbés aprobou os orzamentos antes de negociar cos sindicatos

O sindicato CCOO critica que o Goberno municipal non utilice os procedementos establecidos para aprobar o Capítulo I dos Orzamentos, deixando fóra a negociación cos sindicatos.
No seu escrito, CCOO lembra que o Pleno do Concello de Vilalba na súa sesión ordinaria celebrada o día 30 de xaneiro do 2025, aprobou o Orzamento Xeral do Concello de Vilalba para o ano 2025 sen convocar previamente aos sindicatos para negociar as modificacións relativas a salarios, amortizacións e creación de novas prazas, tal e como establecen os artigos 36 e 37 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
Con data 7 de febreiro convocou aos sindicatos a unha reunión na que se lles informou dos asuntos xa aprobados, sen que houbera ningún tipo de negociación.
CCOO vese "na obriga" de presentar alegacións a estes Orzamentos para garantir o dereito á defensa dos intereses do persoal municipal do Concello de Vilalba que considera vulnerados con esta actitude por parte do Goberno municipal, dereito consagrado no artigo 37 da Constitución Española.