Cecilia Fernández Santomé gaña o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte Portugal

TerraChaXa
O relato '34, Rue Saint Jacques' da escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé gañou a terceira edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal, un certame promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.
29 sep 2017

A obra foi seleccionada entre un total de 31 traballos presentados, de autores e de autores entre os 16 e os 36 anos de Galicia e do Norte de Portugal.

Presidido por Carla Sofia Amado, directora do Instituto Camões e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; pola escritora galega Inma López Silva, polo escritor portugués João Pedro Mésseder; pola Editora Edítame, representada por Carlos Lopes e por Celeste Pereira, o xurado valorou especialmente a estrutura con base sólida e coherencia na escrita, así como o tratamento das emocións no texto. A decisión do xurado faise pública no Día da Cooperación Europea, que se celebra o 21 de setembro.

Incentivar a produción literaria
Dotado con 2.000 euros, o premio ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

A entrega do premio da terceira edición terá lugar nun acto público que se realizará en novembro, coa participación de representantes das tres entidades que promoven o evento.

0.15241408348083