Celebran a terceira edición do certame Receitas de outono con poesía
O Concello de Guitiriz organiza, a través da biblioteca municipal Casa Habanera de Guitiriz e o Servizo de educación familiar, a terceira edición das Receitas de Outono con poesía, co obxectivo de poñer en valor os produtos de tempada e a dinamización da lectura e escritura.
O prazo de participación será desde mañá, xoves 20 de outubro, ata o vindeiro 21 de novembro. A proposta consistirá en elaborar unha receita con algún produto outonal, sacarlle unha foto e darlle un nome á elaboración. A continuación, deberá elaborarse un poema orixinal que teña por temática o outono e que conte cunha extensión mínima de 4 versos (1 estrofa) e máxima de 16 versos (4 estrofas).
Para poder participar é imprescindible enviar a foto da elaboración culinaria e o poema, ao correo electrónico biblioteca@concellodeguitiriz.com. Todos eles iranse publicando nas redes sociais do Concello de Guitiriz.
O xurado elixirá a receita e o poema máis creativas e a persoa gañadora recibirá un agasallo, que será entregado na Casa Habanera. Valorarase a conexión entre a receita e o poema. Admítense dúas receitas/poemas por participante e poderán participar persoas de calquera idade.