Celebrarán unha excursión de Begonte á Serra do Xistral para descubrir a súa riqueza natural

O Concello de Begonte organiza o domingo 28 de setembro unha saída á Serra do Xistral co obxectivo de poñer en valor a Reserva da Biosfera. A actividade consistirá nunha ruta a campo aberto para coñecer de preto a flora, a fauna, a paisaxe e o hábitat deste espazo único.
A ruta será camiñando e de dificultade media. A saída realizarase ás 08.00 horas en autobús desde a Aula da Natureza, situada fronte ao Centro de Saúde de Begonte, e o regreso está previsto arredor das 21.00 horas ao mesmo lugar.
A excursión conta con prazas limitadas, un total de 20, que se cubrirán por orde de inscrición ata o 24 de setembro, dando preferencia ás persoas empadroadas no municipio. Tanto a viaxe como a comida son gratuítas para as persoas participantes.
As inscricións poden formalizarse no propio Concello de Begonte, a través dos teléfonos 982 39 61 43 e 618 70 94 73, ou no correo electrónico aulanaturezaconcellodebegonte@gmail.com
.