Celine Fernández, elixida presidenta de Novas Xeracións Populares de Vilalba

TerraChaXa
A nova executiva local está formada por nove mozos e mozas de entre 21 e 29 anos con perfís diversos e vontade de liderar un proxecto aberto e útil
Congreso-NNXX-Vilalba-PP
28 Jun 2025

Celine Fernández foi proclamada presidenta de Novas Xeracións de Vilalba no congreso local celebrado pola formación xuvenil do Partido Popular.

A nova responsable, de 25 anos e graduada en bioquímica cun máster en formación do profesorado e en bioloxía e xenética, estivo arroupada por representantes do PP de Vilalba e da comarca, así como por cargos orgánicos como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a presidenta provincial, Elena Candia; a presidenta autonómica de Novas Xeracións, Nicole Grueira; e o presidente provincial da organización xuvenil, Miguel Gallego.

Durante a súa intervención, Celine Fernández comprometeuse a construír “un proxecto aberto, participativo e útil para todos os mozos e mozas da vila”, baseado na ilusión, o traballo en equipo e a defensa activa dos intereses da mocidade. Subliñou que “temos talento, ideas e gañas” e que o obxectivo é converter Novas Xeracións de Vilalba nunha ferramenta de cambio e de orgullo para a vila, destacando o potencial de Vilalba como un lugar de historia, cultura e tradición, pero tamén con futuro.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, valorou o apoio maioritario da mocidade galega ao Partido Popular nas urnas, fronte ao “socialismo de promesas baleiras e ao independentismo sen futuro real”. Pola súa banda, a presidenta local do PP, Sandra Vázquez, puxo en valor “a proximidade, o compromiso e a positividade” de Fernández, agradecendo tamén ao novo equipo o paso adiante como exemplo para a mocidade vilalbesa.

Tamén interviu a presidenta autonómica de Novas Xeracións, Nicole Grueira, quen afirmou que este congreso demostra que a mocidade galega está “máis activa, máis preparada e máis comprometida ca nunca”, e salientou o crecemento e renovación da organización xuvenil en todo o territorio. O presidente provincial, Miguel Gallego, insistiu na importancia de que a mocidade participe na construción dun futuro con oportunidades e anunciou que ao longo do verán seguirán a celebrarse novos congresos e actividades por toda a provincia.

A executiva local que liderará Celine Fernández estará composta por nove mozos e mozas de entre 21 e 29 anos, con formacións e ocupacións diversas: Sandra de Bernardo será a secretaria xeral; Carlos López Lozano, coordinador; Cristina Muñiz, responsable de redes sociais e comunicación; Adriana López Eimil, responsable de Medio Rural; José Manuel Noche, de Deportes; Eva Pardo, de Políticas para a Xuventude; María Vázquez, de Empresa e Comercio; Carlos Rivas, de Tecido Asociativo; e Uxía López, de Cultura.

⚙ Configurar cookies
0.16404104232788