Cen ciclistas de toda Galicia participaron na VI Ruta Coyote Pedal en Bazar, Castro de Rei

A parroquia de Bazar (Castro de Rei) converteuse este sábado, 20 de setembro, no epicentro do ciclismo de montaña coa celebración da VI Ruta Coyote Pedal, que reuniu a 100 ciclistas chegados de toda Galicia, procedentes de localidades como Ourense, A Coruña, Arteixo, Sada, Xove, Sarria e diferentes concellos da Terra Chá, entre eles Castro de Rei, Cospeito e Guitiriz.
A xornada arrincou ás 9:30 horas no Teleclub de Bazar, onde os participantes se xuntaron para compartir un café antes da saída. A proba contou con dúas modalidades: unha ruta curta de 30 quilómetros e 700 metros de desnivel e outra longa de 40 quilómetros e 1.000 metros de desnivel, percorrendo maioritariamente sendeiros e montes da contorna.
Durante o percorrido habilitáronse dous avituallamentos, nos que non faltou a tradicional panceta á brasa, que fixo as delicias dos deportistas. Ao remate da ruta, a festa continuou con música en directo, pinchos para todos os asistentes e, para quen quixo prolongar a xornada, un menú Coyote que incluíu fabas, churrasco, sobremesa, café e licor.
Como broche final, celebrouse un sorteo de agasallos entre todos os participantes, poñendo o punto e final a unha cita que xa se consolida como referencia do BTT na comarca da Terra Chá e que destaca polo seu ambiente deportivo e festivo.