Centos de persoas celebraron este sábado a Convivio da Cultura Galega en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Após o xantar, Xurxo Souto anima a foliada con distintos colectivos musicais
xantar-convivio-cultura-galega
13 Jul 2025

Centos de persoas congregáronse na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, para celebraren a XIIª edición do Convivio da Cultura Galega. Xornada de festa e encontro ao redor da figura de Manuel María, organizada pola Casa-Museo Manuel María e a Federación de entidades culturais Galiza Cultura.

A mañá iniciouse coa acollida na Casa-Museo Manuel María de todas as persoas participantes por parte da coral compostelá Solfa que interpretou un repertorio centrado no propio Manuel María e en Castelao, político, escritor e artista nacionalista do que se celebra este ano o 75 aniversario do seu falecemento.

Previamente o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, dirixiu unhas palabras de benvida nas que animou a unha maior presenza da música, canto e baile galego nas numerosas e variadas celebracións festivas, “rematando así coa contradición existente entre unha rica e vizosa realidade existente nas asociacións, bandas, coros, escolas de música... e a súa escasa presenza nas programacións festivas convencionais”.

Desde alí, os asistentes trasladáronse ao son das gaitas ao cemiterio parroquial de Outeiro de Rei, onde se levou a cabo unha ofrenda floral a Manuel María e a Saleta. Alí, Alberte Ansede deixou constancia da vixencia da obra do escritor chairego tal como o confirma que, pasados 21 anos do seu falecemento, el segue presente nas librarías, nos colexios, nos fogares, nas escolas de música e conservatorios con grupos musicais e corais interpretando os seus poemas... en conferencias e recitais de poesía.... “Hai moi poucas situacións importantes da vida nas que non poidamos botar man dun poema de Manuel María para acompañalas e acompañarnos: un nacemento, un bautizo, un casamento, un contratempo infeliz, unha celebración gozosa, o entroido, o nadal, o San Xoán, o 25 de xullo, o 17 de maio...”. O presidente da Fundación rematou a súa intervención con unha emocionada gratitude a Manuel María e a Saleta “por tanto amor ao país, polo valor e enteireza con que o defendestes e pola rigorosa ética practicada”.

Logo, xa na carballeira de Santa Isabel actuou a banda Sons e soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales. Foi este un concerto moi especial pois, por unha parte, interpretáronse catro pezas de Adolfina Casás (unha das cantareiras ás que se lle dedican as Letras Galegas do presente ano) adaptadas para banda polo seu neto, Richi Casás, quen estivo tamén presente. Pola outra, actuou de artista convidada Branca Villares, quen acompañou á banda en distintas pezas, entre elas, unha de estrea absoluta, sobre un poema de Manuel María composta para a ocasión por Manuel María Veiga. E, xa finalmente, a que foi artista convidada no ano 2024, a soprano e profesora de canto Tabea Graser, non se quixo perder o evento e interpretou dúas pezas, unha en solitario e outra coa propia Branca Villares.

Xa pola tarde, após o xantar demorado e os cantos desde as diferentes mesas de comensais, foi o momento para a foliada conducida por Xurxo Souto e animada por cinco agrupacións musicais: Reviravolta, Foliadeir@s do Castro, Mestura de Nete, Tradivivas Agra, Música na Eira e Parabéns.

No marco deste Convivio, as entidades culturais que fan parte da Federación Galiza Cultura mantiveron durante a mañá un encontro no auditorio da Casa-Museo Manuel María, para preparar o desenvolvemento de próximas iniciativas conxuntas.

⚙ Configurar cookies
0.16330695152283