Centro Ocupacional: 25 anos de inclusión e integración en Vilalba

O Centro Ocupacional Vilalba Terra Chá conmemora este 5 de setembro o seu 25 aniversario cun acto especial na Casa da Cultura de Vilalba, onde se proxectará un vídeo homenaxe e se inaugurará a exposición fotográfica 25 anos dando a cara pola inclusión. Será unha xornada de celebración, pero tamén de recoñecemento a un cuarto de século de traballo a prol da igualdade de oportunidades e da integración das persoas con discapacidade intelectual.
Esta actividade pon de relevo a vinculación que o centro ten coa vida social e cultural da vila. Os seus usuarios teñen elaborado moitos dos trofeos, así como decoracións e outras achegas a festas e distintas celebracións da vila.
Ademais, como equipo Genuine do Vilalbés, recentemente participaron na primeira edición da Nosa Champions, que se celebrou precisamente en Vilalba.
O centro, xestionado pola Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Psíquica de Vilalba Terra Chá, está emprazado nunha contorna privilexiada: rodeado da natureza e, ao mesmo tempo, no corazón do tecido empresarial da vila. Alí desenvolve unha intensa actividade dirixida a persoas adultas con discapacidade, ás que se lles ofrece atención integral, apoio persoal e formación adaptada ás súas necesidades.
Desde os seus inicios, a filosofía do centro baseouse nun modelo de atención centrado na persoa, co obxectivo de favorecer a autonomía, mellorar a autoestima e potenciar a participación comunitaria. Os programas buscan tanto a habilitación ocupacional como o axuste persoal e social, contribuíndo á inclusión plena dos usuarios.
O centro ofrece servizos básicos como transporte e comedor, adaptados ás circunstancias de cada persoa e das súas familias. O servizo de transporte resulta fundamental nunha comarca dispersa e cunha poboación envellecida, xa que garante que cada usuario poida ser recollido no seu domicilio. Pola súa parte, o comedor presta unha atención personalizada, con menús adaptados ás necesidades nutricionais e ás distintas etapas da vida, desde o envellecemento ata a aparición de enfermidades crónicas ou temporais.

FORMACIÓN E OBRADOIROS
Un dos piares do centro é a formación, que combina actividades de autonomía persoal con programas ocupacionais e prelaborais. O obxectivo é capacitar aos usuarios para que poidan desenvolver habilidades útiles tanto na vida diaria como nun eventual posto de traballo.
A columna vertebral deste labor son os obradoiros, auténticos espazos de aprendizaxe e creatividade que definen a identidade do centro. Actualmente funcionan catro: serigrafía, carpintaría, xardinaría e un obradoiro creativo.
No de serigrafía elabóranse artesanalmente bolsas, camisetas, sudadeiras ou mandís, mentres que no de carpintaría prodúcense pezas de madeira que despois se complementan coa serigrafía. O obradoiro de xardinaría céntrase na plantación, coidado e conservación en invernadoiros e na atención de zonas verdes do concello. Pola súa parte, o obradoiro creativo dá vida a produtos únicos elaborados con materiais diversos, todos eles cun selo propio que reflicte a sensibilidade e identidade da entidade.
Paralelamente á formación, o centro traballa na área de apoio persoal e social, coa finalidade de mellorar a relación dos usuarios co seu entorno físico e social.
Desenvolvense programas que abranguen desde a reeducación lingüística e a estimulación cognitiva ata o acceso ás novas tecnoloxías, actividades culturais, deportivas e de ocio, habilidades sociais, académicas e da vida diaria.
COMPROMISO
No seu 25 aniversario, o Centro Ocupacional Vilalba Terra Chá reafírmase como referente na comarca. Ao longo destes anos consolidouse como un proxecto vivo, que se adapta ás necesidades cambiantes das persoas e das súas familias, sempre coa mesma misión: dar oportunidades, abrir camiños e construír unha sociedade máis inclusiva.
O vídeo homenaxe e a exposición fotográfica que se inauguran este 5 de setembro son, en realidade, un espello deste camiño percorrido, das historias compartidas e das metas acadadas. Unha celebración que é tamén un recordatorio: detrás de cada actividade, de cada obradoiro e de cada programa, hai persoas que loitan día a día por unha vida plena e con dereito a participar na comunidade en igualdade.