Centros de ensino das Pontes e Baralla recibiron os premios do certame Atrévete a ter unha idea

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou no acto de entrega dos premios dos certames Atrévete a ter unha idea e Eduemprende Idea a un total de 137 alumnos de 16 centros educativos. Concretamente, premiouse a 119 estudantes de 10 colexios e institutos Primaria e Secundaria do concurso Atrévete a ter unha idea e a 18 alumnos de seis centros de Formación Profesional do concurso Eduemprende Idea promovido xunto coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Estes programas, enmarcados no Plan Eduemprende da Xunta de Galicia, son “moi importantes porque fomentan a creación de ideas. O mundo avanza porque hai ideas, polo tanto, o impulso da cultura do emprendemento na infancia e na adolescencia é fundamental para facer unha sociedade mellor”, afirmou o titular de Educación, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
Neste senso, aplaudiu a calidade dos proxectos premiados e o traballo desenvolto por todo o alumnado participante e o profesorado implicado nestes programas. “En Galicia queremos darlle aos nosos estudantes unha formación que lles valga para a vida real, para que no futuro poidan acceder a todas as oportunidades dispoñibles, e vendo o potencial dos proxectos hoxe aquí expostos, estou seguro de que estes mozos colleitarán moitos éxitos”, engadiu no acto que se celebrou no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago.
O concurso Átrevete a ter unha idea ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial. O concurso conta con catro modalidades de participación –individual e grupal en Primaria e Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. Os galardoados reciben un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura.
Na modalidade individual de Primaria resultaron gañadores os colexios Saco e Arce (Toén) e o Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), mentres que na modalidade grupal de Primaria foron vencedores os equipos dos colexios Plurilingüe A Fraga e A Magdalena (As Pontes de García Rodríguez) e o Colexio Público Integrado Luis Díaz Moreno (Baralla). No caso de Educación Secundaria, na modalidade individual resultaron gañadores proxectos dos institutos Eduardo Pondal (Santiago de Compostela) e do Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez), mentres que os equipos vencedores da modalidade grupal proveñen dos institutos Fernando Blanco (Cee), Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e A Sangriña (A Guarda).