Centros escolares da provincia incorpóranse aos programas de bibliotecas

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións definitivas dos programas Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias para este curso 2023/24, a través das que se incorporan novos centros e se dá continuidade á participación dos xa integrados.
Biblioteca rural San Xusto barreiros 2023
8 Xan 2024

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións definitivas dos programas Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias para este curso 2023/24, a través das que se incorporan novos centros e se dá continuidade á participación dos xa integrados. Así mesmo, o Portal Educativo publicou xa a convocatoria de Bibliotecas Escolares Solidarias, a iniciativa que busca estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias.

Todos estes programas enmárcanse no Plan LIA 2021-2025 (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se guían todas as actuacións en materia de bibliotecas escolares nos centros de ensino non universitarios de Galicia.

Case 200 centros con laboratorio de radio

O programa Radio na Biblio chega este curso a 196 centros de ensino, que contan todos eles cun laboratorio de radio no que traballan as competencias informacionais e mediáticas do alumnado. A resolución publicada no Portal Educativo establece a continuidade de 166 centros no programa e a incorporación de 30 colexios e institutos entre os que se atopan o Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte e dous en Viveiro, o IES María Sarmiento e o CEP Luís Tobío.

Iniciación no pensamento computacional

Un total de 170 colexios desenvolven este curso o programa Biblioteca Creativa, 145 de continuidade e 25 de nova incorporación, tal e como recolle a resolución. O obxectivo da iniciativa é estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar. Entre os centros de nova incorporación só hai un da provincia de Lugo, o EEI Xela Arias de Sarria.

Lectura e familias

O programa Lectura e familias estimula o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. O obxectivo é que nais e pais se impliquen en experiencias de lectura ou de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información.

Tal e como establece a resolución definitiva, son 90 os centros que continúan no programa, aos que se suman os 25 que se incorporan a el por primeira vez. Na provincia son o CEIP Pluriglingüe Santa María da Fonsagrada; o IES Sanxillao de Lugo e en Vilalba o IES Santiago Basanta Silva e o EEI de Vilalba.

Ata o 13 de xaneiro

Os centros interesados en sumarse a Bibliotecas Escolares Solidarias poderán solicitalo ata o 13 de xaneiro. O programa contempla o desenvolvemento de actividades de voluntariado nas etapas de Primaria e Secundaria e outras ensinanzas, e a posibilidade de optar a unha distinción a través do Selo Biblioteca Escolar Solidaria.

O obxectivo é recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe. A iniciativa intégrase, ademais, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social.

0.11255097389221