Cervo inaugurou as experiencias medioambientais xuvenís que terán lugar durante o verán
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e as concelleiras Manuela Méndez e Denise Galán, inauguraron na Praia do Torno de San Ciprián unhas xornadas de experiencias medioambientais que terán lugar durante o verán no Concello de Cervo.
Estas xornadas gozarán de actividades de reciclaxe, rutas de sendeirismo, coidado do medio ambiente, fotografía, talleres e charlas destinadas á concienciación ambiental.
Nesta xornada os rapaces e rapazas levaron a cabo actividades que tiñan como obxectivo a concienciación e a aprendizaxe de separar, re-utilizar e reciclar os residuos.
Hai programadas outras seis xornadas medioambientais para os meses de Xullo e Agosto que ademais do medio ambiente tratarán o coidado do medio rural, do medio mariño, de plantas costeiras, de especies mariñas e costeiras e a concienciación nas festas e eventos.
Alfonso Villares destacou a importancia de “incidir na concienciación da xuventude en materia de educación ambiental e desenvolvemento sostible para así mellorar a calidade de vida da nosa comunidade e garantir unha vida saudable para todos e todas”.