Cervo inicia os trámites para declarar a caducidade da licenza dos esqueletos da zona de Galdín

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Dec 2019

Cervo xa iniciou os trámites para declarar a caducidade das licenzas urbanísticas dos dous esqueletos que están ubicados na rúa Bellavista, na zona da Galdín en San Ciprián, que lle foran outorgadas no seu momento a Construcciones Os Molineros S.L. e á Inmobiliaria Pasillo Verde S.L, respectivamente, entre os anos 2006 e 2007.

O ente municipal puido comezar este proceso logo de reunir a comezos deste mes os correspondentes informes dos servizos da policía local e da oficina técnica que ratifican que non hai ningún tipo de actividade nestas edificacións desde hai moito tempo.

Este procedemento é a forma legal que ratifica que as obras iniciadas non poden continuar ao non existir ningún permiso en vigor que as ampare; as construcións, unha vez chegue a termo este trámite, xa non estarían avaladas por ningún título xurídico-administrativo.

Villares apuntou  que estamos a dar pasos importantes para lograr un obxectivo que é fundamental para este goberno  e que pasa porque os propietarios ou ben “rematen as construcións que deixaron inacabadas, ou ben devolvan os terreos ao seu estado orixinal, o que supón o derrube destas edificacións que quedaron inconclusas no noso termo municipal”.

O Concello de Cervo está a traballar arreo para tentar acabar con todas estas estruturas pensando en todos os cervenses, e tamén loxicamente por motivos de seguridade e ornato público, un proceso que, tal e como precisou o rexedor, “é complexo, pero estamos a dar os pasos precisos, sen demora, para conseguir eliminar todos estes esqueletos do noso municipio”.

A licenza urbanística do esqueleto de Pasillo Verde foi concedida no ano 2006-2007, e conta cun total de 60.0145 m2, distribuídos en dúas plantas soto, seis plantas altas y baixo cuberta. O prazo de finalización establecido era de 6 anos, que foron incumpridos amplamente, xa que o edificio tiña que estar rematado en 2012.

A licenza urbanística da edificación dos Molineros foi concedida no ano 2006, e amparaba a realización da construción dun edificio de 180 vivendas, garaxes e rochos; nun total de 22.926 m2. O prazo de finalización fixado era de 3 anos, tendo que ter finalizado no 2009, polo que tal e como reflicten os informes pertinentes, incumpríronse amplamente os prazos.

Este procedemento súmase ao que xa está en marcha na zona da Atalaia, para derrubar o edificio de vivendas que leva máis de trinta anos construído e sen habitar; e o esqueleto no que se planificaran no seu día a construción de 42 vivendas, e que nunca chegou a edificarse.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13258910179138