Cervo ofrece á veciñanza novas actividades lúdico-didácticas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Abr 2020

O Concello de Cervo ofrece á veciñanza novas actividades lúdico-didácticas e deportivas para afrontar as seguintes semanas de confinamento.

Logo da gran resposta que tivo nas redes o concurso #cervoquedanacasa –que xa vai pola terceira edición-, mañá luns retómase con novas propostas para toda a familia través do facebook (https://www.facebook.com/CONCELLO-DE-CERVO-AYUNTAMIENTO-DE-CERVO-328922863972 baixo o cancelo #cervoquedanacasa.

Para poder participar no concurso os pasos son os facerse seguidor da conta de Facebook. O mesmo día do concurso, de 12:00 a 20:00 horas, as persoas que desexen participar deber subir a súa foto ou vídeo etiquetando a páxina do Concello co cancelo #cervoquedanacasa

Ás 17:00 horas do día seguinte de cada un dos certames anunciarase o gañador e os premios serán entregados ao remate da corentena.

Axenda de actividades

  • Luns 13 de abril, representación artística. Representa o teu cadro preferido. Comparte unha foto que amose o resultado, acompañada do título da obra orixinal. 
  • Mércores, 15 de abril, concurso á mellor coreografía. Crea a coreografía máis orixinal para queimar calorías na casa durante a corentena e comparte o resultado.
  • Venres, 17 de abril, concurso almorzo Masterchef. Comparte unha foto ou vídeo que amose o resultado, acompañada/o da receita e do nome da mesma.
  • Luns, 20 de abril, crea o teu bodegón. Utilizando alimentos, recipientes e utensilios domésticos.
  • Mércores, 22 de abril, concurso de xogos de mesa. Inventa un xogo de mesa para pasar a corentena.
  • Venres, 24 de abril, merenda Masterchef. Comparte unha foto ou vídeo da túa merenda, acompañada da receita e do nome da mesma.

Ademais tamén haberá un bingo na rede, os xoves 16 e 23 de abril. Aquelas persoas que non dispoñan de facebook tamén poden participar no concurso enviando as súas fotos ou vídeos a través do correo cervocultura@gmail.com.

Desde o Concello de Cervo precisan que “sabemos que son días complicados para todos/as nos que debemos sumar esforzos e seguir as recomendacións das autoridades competentes para frear a expansión do virus; a fin de tentar contribuír a facervos máis amenas estas xornadas deseñamos estes programas agardando que sexan moitos/as os/as veciños/as e as familias que se sigan sumando; porque ademais é unha forma de estar interconectados nestes días e de interactuar uns cos outros”.

DEPORTE VIRTUAL

Ademais, desde a delegación de Deportes, conscientes de que o exercicio físico é fundamental para poder manter a nosa mente e o noso corpo saudables, tamén se iniciou a pasada semana unha programación de clases completas virtuais a través da canle de youtube oficial do Concello https://www.youtube.com/results?search_query=concello+de+cervo; especialmente pensadas para as persoas usuarias das nosas Escolas Deportivas Municipais, pero tamén para toda a veciñanza e que están a ter unha gran resposta, xa que na primeira semana sumaron máis de 1900 visualizacións. As sesións -de ximnasia de mantemento (luns e mércores), aerozumba e pilates (ambas cada martes e xoves)- subiranse cada día  ás 11:00 horas.

Recordamos que desde que comezou o  confinamento, vimos compartindo regularmente nas nosas redes sociais diferentes rutinas deportivas dirixidas polos monitores das ADM de Cervo; pero desde a pasada semana esas clases son de maior duración, sesións completas.

Os exercicios están pensados para realizar tanto de xeito individual como en familia, con elementos que todos temos nas nosas casas.

IMPRIMIMOS POR TI

Por outra banda, desde a delegación de Educación recordan que desde o pasado luns está en marcha o programa de apoio “Imprimimos por ti”. Un servizo de impresión de materiais educativos, en coordinación co CEIP Península da Paz, o CEIP de Cervo e IES Marques de Sargadelos para aquelas familias que non dispoñan de medios tecnolóxicos nos seus fogares. Nestes primeiros días o servizo chegou a 21 mozos e mozas.

As familias interesadas poderán contactar co equipo docente do seu centro de ensino ou directamente co Concello a través do correo dinamización@concellodecervo.com         ou do teléfono 691 656 600. Este servizo está dispoñible tamén para rapaces e rapazas de ensinanzas de FP ou universitarios/as que o precise.

0.19089198112488