Cervo organiza un concerto para conmemorar o día de Rosalía
O Concello de Cervo conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) ofrecendo á veciñanza e aos visitantes a oportunidade de gozar dun gran concerto, con entrada libre.
Nesta ocasión, a coñecida artista galega que fora vocalista do grupo Luar na Lubre, Rosa Cedrón, será a encargada de facerlle unha especial homenaxe á escritora, “unha das miñas grandes paixóns que sempre está moi presente nos meus concertos”, tal e como ela mesma confesa.
A actuación, con entrada libre e programada pola delegación de Cultura, será o venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián.
Rosa Cedrón, acompañada por un pianista, poñerá voz a coñecidos poemas da escritora como “Negro Caravel” –tema recentemente interpretado pola galega Sabela en Operación Triunfo-; e fará un repaso a máis de dúas décadas de frutífera carreira profesional, interpretando temas míticos da súa etapa como vocalista do grupo Luar na Lubre; ademais de avanzar composicións que incluirá nun novo disco, sobre o que xa está a traballar.