Champivil-Castelo comercializará por primeira vez este ano capóns da Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba
A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, comercializará por primeira vez este ano capóns de Vilalba baixo o distintivo de calidade Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba. Champivil cría con esmero desde o pasado mes de marzo medio cento de capóns que superan xa os 5 quilos de peso e que porá á venda o vindeiro día 21 de decembro coincidindo coa Feira do Capón que se celebra na capital da Terra Chá.
A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, explica que "se algo caracteriza a Champivil desde hai décadas é a posta en valor dos produtos tradicionais galegos, así que este ano quixemos render homenaxe ao capón de Vilalba, un produto de toda a vida que ven de ser recoñecido recentemente co distintivo de calidade IXP por parte da Unión Europea". O medio cento de capóns que Champivil cria de xeito tradicional, están a ser alimentados nas capoeiras desde o mes de setembro dúas veces ao día cunha mistura de masa de pataca cocida e fariña de millo. Nos meses anteriores, de marzo a setembro, os animais viviron ao aire libre, como marca a tradición.
Luz Divina Castelo explica que o produto final, que chega á mesa con 9 meses de crianza, "é unha carne tenra e de sabor suave" que poderán disfrutar na súa mesa os clientes de Champivil. A empresa de Vilalba sorteará ademais un dos capóns entre os seguidores da súa páxina de facebook (www.facebook.com/champivil.castelo), polo que o gañador ou gañadora poderá disfrutar en Nadal coa súa familia deste sabor especial de xeito totalmente de balde.
Aprobada recentemente pola Comisión Europea, a IXP Capón de Vilalba ampara a aqueles galos da raza Galiña de Mos capados e criados na Terra Chá en pequenas explotacións familiares. Os capóns de Champivil son criados por Mariluz Rey Carballeira, nai de Luz Divina Castelo, seguindo unha tradición familiar que se remonta a varias xeracións. As primeiras noticas coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia remóntanse á Idade Media.
Innovación constante
Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e a primeira que envasou grelos co obxectivo de aumentar deste xeito a vida útil e o periodo de consumo de produtos estacionais do noso país. Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, berzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.
A empresa de Vilalba, que lidera o envasado de grelos e a exportación de setas silvestres en Galicia, caracterízase pola súa innovación constante e este ano sacou ao mercado con notable éxito unha nova gama cervexas artesás de grelos e de setas. A responsable da empesa explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina Castelo. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e estrugas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.