Champivil consegue a medalla de plata na Cata de Cervexas Artesás de Galicia

TerraChaXa
A empresa vilalbesa Champivil-Castelo vén de lograr a medalla de plata na categoría de cervexa especial na Cata de Cervexas Artesás de Galicia, organizada pola prestixiosa revista Hostalaría, Gastronomía e Turismo (HG&T) e na que participaron medio cento de cervexas artesás elaboradas en Galicia.
gama cervexas Champivil
8 Oct 2018

A empresa vilalbesa Champivil-Castelo vén de lograr a medalla de plata na categoría de cervexa especial na Cata de Cervexas Artesás de Galicia, organizada pola prestixiosa revista Hostalaría, Gastronomía e Turismo (HG&T) e na que participaron medio cento de cervexas artesás elaboradas en Galicia. 

A cervexa de grelos de Champivil alzouse coa segunda praza nun concurso que, na súa terceira edición, reuniu á totalidade de empresas cerveceiras e produtores de cervexa artesá da comunidade. O xurado do certame, consistente nunha cata a cegas, estaba formado por prestixiosos profesionais da hostalaría, distribuidores, propietarios de tendas especializadas, mestres cervexeiros e representantes da Asociación Galega de Sumilleres.  

A cervexa de grelos de Champivil é unha cervexa rubia á que se engaden na cocción grelos da Terra Chá que soltan o seu sabor, o seu amargor e a súa cor característica á mestura. O resultado é unha cervexa clara cun matiz verdoso e percíbese ao degustala o amargor do grelo. É unha cervexa refrescante pensada para a primavera e o verán.

O xurado destacou o sabor e a integración do amargor característico do grelo e mostráronse sorprendidos polo resultado. Champivil competía no apartado de cervexas artesás especiais, aquelas que están elaboradas a partir de ingredientes pouco frecuentes. A medalla de ouro foi para unha cervexa de albariño e a de bronce cunha con sabor a mel.

Champivil comezou hai ano e medio a producir a súa gama de cervexas artesás. As dúas primeiras cervexas en saír ao mercado, en maio de 2017, foron a cervexa de grelos e a cervexa de trompeta dos mortos, á que se sumou un ano despois, no pasado mes de maio, unha nova cervexa de verzas, que viña completar a gama de cervexas artesás da empresa chairega, especializada en transformar e envasar produtos naturais galegos, engadindo así un novo sabor, que se caracteriza polo seu potente aroma e a súa cor roxiza.

Trátase nos tres casos dun produto gourmet de produción limitada pero cun prezo asequible “para que todo o mundo a poida probar”, indicou a responsable de Champivil, que vai producindo a cervexa en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene durante moito tempo e non se faga vella, outro valor engadido con respecto ás cervexas de produción industrial.

Colaboración entre varias empresas

As cervexas de Champivil están elaboradas polo mestre cervexeiro ourensán Paterpaul despois de meses de probas e ensaios e comercialízase en formato de 75 centilitros. Trátase de tiradas limitadas que se venden a través dun acordo de colaboración coa queixaría de Vilalba Prestes (http://www.quesosprestes.com/), con tendas en Vilalba e Santiago de Compostela.

“Somos partidarios da economía colaborativa e quixemos apostar pola maridaxe entre a nosa cervexa artesá e a gama de queixos de Prestes, unha empresa veciña, de Vilalba, recoñecida tamén pola súa calidade. Champivil e Prestes temos moitas cousas en común porque os dous poñemos en valor os produtos galegos e apostamos pola innovación constante”, explicou Luz Divina Castelo, xerente de Champivil.

O proceso de elaboración dura dous meses

O proceso de elaboración tanto da cervexa rubia de grelos como da cervexa vermella de verzas e da cervexa negra de trompeta dos mortos é totalmente natural e artesán e leva dous meses e medio. Os ingredientes son auga de fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo, da verza e da seta e levaduras de cervexa neutras tamén con ese obxectivo.

Trátase dunha colaboración da empresa chairega co artesán cervexeiro galego Pablo Casanova, Paterpaul, o primeiro en lograr en Galicia, no ano 2005, un rexistro sanitario para comercializar cervexa artesá. É unha edición gourmet exclusiva que está dispoñible en formato de 75 cl.

O cociñeiro da bebida destaca que para a súa fabricación úsase unha porcentaxe de malta de cebada 100% moi superior á empregada nas cervexas industriais (30 quilos de malta por cada 100 litros de auga neste caso fronte aos só 8 das cervexas industriais). “Outra diferenza fundamental é que esta cervexa non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido, é totalmente natural e artesá e mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”, explicou Paterpaul.

Pack especial de tres cervexas

En maio de 2017 Champivil sacaba ao mercado con notable éxito as súas dúas primeiras cervexas artesás, unha gama negra a partir da seta trompeta dos mortos, e unha gama rubia feita con grelos da Terra Chá. Presentadas na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, as primeiras tiradas esgotárase ás poucas semanas, dando xa mostra da boa acollida entre o público e os amantes da cervexa artesá.

A nova cervexa de verza, que saiu ao mercado este ano, completa a gama en canto a tonalidade, sabor e aroma. "Ao conter moito azufre, a cervexa de verzas ten un aroma moito máis potente que os grelos e usamos unha malta torrefactada que casa ben con ese aroma e que aporta unha cor diferente á cervexa", explica Luz Divina Castelo, a xerente de Champivil, que recoñece que "das tres que levamos feitas a receita máis difícil de lograr". Ademais de comercializarse por separado, as tres cervexas véndense tamén un pack especial conxunto que facilita o envío a domicilio e que está destinado a poder catar na casa e con toda tranquilidade os tres sabores podendo comparalos.

A primeira Guinness galega

A gama negra de trompeta dos mortos é unha cervexa de estilo irlandés á que no último momento da cocción se lle engade a infusión desta seta, habitual nos montes galegos, para que conserve así os aromas e a cor escura característica da trompeta dos mortos. O resultado é unha cervexa contundente e de escuma máis densa que na cata recorda o aroma a monte e a humidade.

Os efectos beneficiosos dun produto natural e saudable

A verza, igual que os grelos, é un produto vexetal con múltiples propiedades, entre as que destacan os seus efectos anticanceríxenos e antioxidantes. Do mesmo xeito, numerosos estudos indican que o consumo moderado de cervexa como complemento a unha dieta sá e variada ten tamén efectos cardiovasculares positivos.

Aposta pola innovación

A responsable da empesa, Luz Divina Castelo, explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa, especializada na transformación de produtos autóctonos naturais e que lidera o envasado de grelos e de setas en Galicia. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e verzas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18947601318359