Charlas, documentais e lecturas sobre a violencia de xénero no IES Lois Peña Novo
O IES Lois Peña Novo de Vilalba únese aos actos que o Concello de Vilalba impulsa con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero.
De feito, o venres 24 de novembro arredor das doce e cuarto da mañá algúns dos alumnos e alumnas lerán un manifestó antes de participar nunha charla que ofrecerá a presidenta da Asociación contra a Violencia de Xénero “Si, hai saída” xunto a un Policía.
Con todo, as actividades en contra da violencia de xénero estenderanse tamén durante os recores coa proxección de pequenas curtas ou vídeos sobre a violencia de xénero e no hall do instituto haberá libros e artigos que abordan tamén esta temática.
Concursos
O IES Lois Peña Novo ten convocado dous certames. Un deles é o concurso de fotografía “O rural na Terra Cha” no que poden participar alumnos e alumnas matriculados no centro ou calquera outra persoa contactando coa coordinadora do EDL e facendo chegar un máximo dunha fotografía inédita a través da aula virtual do EDL acompañada dun título en galego ou uns versos de calquera autor galego antes do 30 de novembro. O gañador ou gañadora recibirá un premio por valor de 50 euros.
E, por outra banda, no certame de postais de Nadal poderá participar toda a comunidade educativa achegando propostas en formato dixital ou manual con imaxes e textos en galego que potencien os valores relacionados coa paz, a solidariedade, o amor ou a lingua. O premio para o gañador ou gañadora será dun valor aproximado de 50 euros.
As postais feitas manualmente deberán ser entregadas na conserxería na mañá do 15 de decembro ou na tarde do 13 entre as tres e media e as nove do serán. As elaboradas en formato dixital deberán entregarse a través da aula virtual do EDL antes do 12 de decembro. O fallo do xurado farase público o 17 de decembro.