Chega a campaña Saír de Copas en Ribadeo sáeche gratis
Acisa sortea 88 consumicións en 9 locais asociados. Con esta campaña denominada Saír de Copas en Ribadeo sáeche gratis a asociación anima a gozar da noite ribadense.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “se trata dunha campaña con dous obxectivos claros: facer publicidade dos nosos establecementos asociados deste sector e potenciar a imaxe de Ribadeo como vila de ocio nocturno. Con esta iniciativa pretendemos reforzar a publicidade de Ribadeo como un lugar ao que merece a pena vir tomar as copas os venres e os sábados, e por iso poñemos en marcha unha gran campaña de publicidade tanto en radios como en redes sociais. Ribadeo é un lugar estupendo para saír con boa música e bo ambiente, polo que cremos que está ben recordarllo á xente para que se anime a seguir vindo a Ribadeo”.
Pérez engade que “ademais quixemos por en marcha tamén un sorteo de 88 copas doadas por locais asociados. Participar é moi sinxelo, so hai que ser seguidor da nosa páxina de facebook, darlle a me gusta, compartir a publicación do sorteo e etiquetar a dúas persoas coas que sairías de festa. Cada xoves de febreiro sortearemos 22 copas, dándolle dúas a cada gañador”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “é unha campaña nova pola nosa parte e temos boas expectativas. Promocionar Ribadeo como destino de ocio é moi importante, sempre foi así e queremos traballar para que o siga sendo. Queremos ademais darlle as grazas aos nosos asociados Pica, Molino, Náutico, Chámalle Estopa, Ribanzo, Manhattan, Cienfuegos, Rosalar e La Bugalla polas consumicións doadas”.
San Valentín
Tamén organiza, un ano máis, a súa campaña de San Valentin baixo o slogan De corazón en Ribadeo, na que sorteará 15 ceas para dúas persoas.
As persoas que realicen as súas compras entre os días 5 e 16 deste mes de febreiro poderán atopar as rifas para participar nos comercios asociados. Os participantes deberán ser maiores de 18 anos.
O sorteo realizarase nas oficinas de Acisa o martes 18 de febreiro. Os premios non son acumulativos e ningunha cea quedará deserta. As persoas gañadoras terán ata o 20 de febreiro ás 19:00 horas para recoller o premio nas oficinas de ACISA, na rúa Viejo Pancho, 13-baixo.
Os gañadores disfrutarán das súas ceas o 22 de febreiro nos restaurantes doadores que son: O Cabazo, O Tumbín, La Solana, Voar, A Horta de San Roque, Náutico, Parador de Turismo de Ribadeo, El Rincón del Gordo, Bar Galicia, Texturas Galegas, Porta Norte, Asador A Quinta, O Alén e San Miguel. Acisa agradece ao sector hostaleiro “a súa colaboración doando estas cenas das que disfrutarán 30 persoas dentro duns días”.
Febreiro está a ser intenso en Acisa, xa que ademais está en marcha ata o día 29 o Mes do Aforro, que puxeron en marcha por segunda vez a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos e Grupo Valcarce en Ribadeo.
E o día 21 deste mes terá lugar a novena Gala de Acisa a partires das 21:30 horas no hotel Voar. O xerente, Jesús Pérez, lembra que “as entradas para todos aqueles que nos queiran acompañar neste dia tan especial están á venda nas oficinas de Acisa Ribadeo como en Gráficas Ribadeo ao prezo de 30 euros”.