Chega a quenda da programación infantil nas festas de Vilalba

O Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares uniron esforzos para poñer en marcha unha programación nos días infantís das festas patronais de San Ramón e Santa María, que se celebrarán o martes e o mércores na capital chairega.
As dúas xornadas contarán cunha ampla oferta de actividades gratuítas para todas as idades na Praza da Constitución, que abrirá o seu espazo infantil de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Os nenos e nenas poderán gozar de inchables para todas as idades, simuladores, nerf battle arena, rockomonte e shotter gallery, ademais dunha merenda especial de snacks de queixo, facilitada polo Grupo Entrepinares.
Como novidade, este ano a programación reforzase cun evento destacado, o martes 2 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona na Praza de Santa María.
Pola súa banda, o mércores 3 de setembro, a clausura dos días infantís estará marcada por unha festa da escuma, supeditada ás condicións meteorolóxicas da xornada.
Os días infantís enmárcanse no acordo de colaboración recentemente renovado entre o Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares, mediante o cal a empresa financiará diferentes actividades lúdicas e recreativas dirixidas á infancia, tanto durante as festas patronais como no Samaín e no programa de Nadal, que incluirá propostas no casco urbano e tamén nas parroquias.