Chega a Xermade o espectáculo de fantasía 'MANS', a cargo de Pablísimo

O Concello de Xermade inclúe na súa programación especial de Nadal un espectáculo dirixido a público de todas as idades, que destaca pola súa creatividade e capacidade para espertar a imaxinación. Trátase de MANS, unha proposta escénica que se presenta no marco da celebración dos 25 anos de Vos Contos, o proxecto do narrador e creador Pablo Sánchez, coñecido artisticamente como Pablísimo.
MANS é un espectáculo orixinal no que as mans se converten en protagonistas absolutas, capaces de falar, rir e crear universos propios sobre o escenario. A través da combinación de teatro e narración oral, a función dá vida a contos populares, historias de creación propia, fábulas e xogos cos dedos que se transforman en personaxes cheos de expresividade.
A proposta incorpora tamén recursos visuais como sombras chinesas, marionetas e luvas, creando un ambiente cargado de maxia e sorpresa que conecta con espectadores de todas as idades. A obra convida a sentir, sorrir e deixarse levar pola imaxinación, nunha experiencia artística pensada para compartir en familia.
Este espectáculo enmárcase no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Ciudad de la Energía, e reforza a aposta do Concello de Xermade por unha oferta cultural de calidade durante as datas do Nadal.