Chega ás Pontes o Circo de Nadal
As Pontes acollerá, esta fin de semana, Circo de Navidad, un espectáculo circense de gran formato, para toda a familia, co que a compañía arxentina, afincada en Galicia desde fai 22 anos, La Fiesta Escénica fará sentir ó público pontés a ilusión do Nadal.
Trátase dun espectáculo que conxuga a maxia de Disney coa espectacularidade do Circo do Sol nunha proposta escénica na que, un elenco conformado por 12 de artistas, de talla mundial, procedentes de Italia, Ucrania, Portugal e España, mergullarán ós espectadores nunha historia sorprendente cun neno como protagonista na procura dun agasallo de Nadal.
A través dunha impactante escenografía, deseñada e construída a medida para o espectáculo, un vestiario coidadosamente elaborado, a luminotecnia de última xeración e o dominio de múltiples técnicas circenses, os espectadores viaxarán por unha historia que arrinca en Noiteboa e que levará ó protagonista ata o Polo Norte.
Unha viaxe, chea de emoción e aventuras que estará repleta de encontros con personaxes fantásticos que axudarán ó mozo a sortear as dificultades que irá atopando na súa travesía e entre os que non faltarán acróbatas, trapecistas, clowns, magos e animais mecatrónicos que fixeron que La Fiesta Fantástica fose merecedora do premio do Circo Roncalli pola súa nova concepción do circo, na que innovación e tradición van da man para ofrecer un espectáculo de maxia e ilusión como noutrora.
Trátase, en palabras de Sonia Sueiro, concelleira de Cultura, “dun espectáculo onde todo pode ocorrer, un proxecto único que fusiona a imaxe, e a música con distintas disciplinas artísticas e circenses que cautivará ós ponteses/as de todas as idades, creando unha atmosfera chea de maxia, luz para darlle vida á emoción do Nadal. Queremos que os nosos veciños e veciñas gocen, sen saír do pobo, dunha proposta cultural de gran calidade, para toda a familia e podan sentir moi de preto a maxia, a ilusión e a fantasía do circo”.
A compañía representará, no Auditorio Municipal Cine Alovi, un total de seis sesións; o venres 14 de decembro ás 20:30 horas; o sábado 15 de decembro ás 16:30 e 19:00 horas e o domingo, 16 de decembro ás 12:00, ás 16:30 e ás 19:00 horas.
As entradas poden mercarse xa en www.ticketea.com e estarán a venda na taquilla do Auditorio Municipal os días 6 e 14 de decembro, de 12:30 a 14:30 horas e unha hora antes de cada función. O prezo é de 5 euros para menores de 12 anos e de 10 euros para adultos.