Chega ás Pontes o próximo sábado o Rallyshow da Coruña

TerraChaXa
A proba reunirá a 16 pilotos que se enfrontarán en eliminatorias directas, con carreiras de tres voltas
rallyshow-a-coruna
24 Aug 2025

O mundo do motor en Galicia engade este verán unha nova cita ao seu calendario: o RallyShow Deputación da Coruña, que terá lugar o sábado 30 de agosto no circuíto de As Pontes. Será unha xornada pensada para gozar da velocidade e da emoción dos rallyes en directo, cun formato atractivo e adaptado para todos os públicos.

A proba reunirá a 16 pilotos que se enfrontarán en eliminatorias directas, con carreiras de tres voltas nas que a tensión e o espectáculo estarán garantidos ata coñecer o gañador final. Entre os participantes confirmados figuran nomes destacados como Víctor Senra (Hyundai i20 WRC), Dani Berdomás (Hyundai i20 N Rally2), Raúl Hernández (Skoda Fabia RS Rally2), Jorge Pérez (Porsche 991 GT3) ou Manuel Senra (Peugeot 306 Maxi), referentes do automovilismo galego e estatal.

O espectáculo comezará xa dende a apertura coa exhibición de derrapes de Sito González ao volante dos BMW Drift. Tamén estarán presentes Juanma Fligueiras e Pablo Álvarez, que achegarán un toque de humor cos seus Mini Cooper inspirados en “Italian Job”. O programa completarase con exhibicións de carcross, música en directo, animación, sorteos e a posibilidade de vivir experiencias únicas, como acompañar a un piloto profesional nunha volta de copiloto ou ascender no globo cautivo da Deputación da Coruña.

O formato do RallyShow inclúe mangas de adestramentos libres e oficiais, que servirán para establecer os cruces dos oitavos de final. A partir de aí cada carreira será un duelo directo, con eliminacións sucesivas ata a gran final.

A organización pretende que o RallyShow Deputación da Coruña se consolide como unha auténtica festa do motor en Galicia, cunha proposta innovadora que combina deporte e entretemento nun espazo seguro como é o circuíto de As Pontes. A entrada será libre e gratuíta durante toda a xornada.

⚙ Configurar cookies
0.1608259677887