Chega este domingo a Vilalba o espectáculo 'Castelao. Un corazón á intemperie'

A Concelleira de Promoción da Lingua María Xosé Fernández e o tenente de alcalde Modesto Renda presentaron unha nova proposta para este domingo día 8 en Vilalba.
Trátase do espectáculo Castelao, un corazón á intemperie, que terá lugar na praza da Constitución a partir das 12.30 horas a cargo de Fantoches Baj. A organización lembra que en caso de choiva terá lugar no auditorio.
Cando Castelao morre en 1950, vivíanse uns tempos nos que non era posible chorar a súa perda. Daquelas, o dramaturgo Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro. Agora, a compañía Fantoches Baj recrea esa escena adaptándoa á cativada para achegalos á figura de Castelao a través do teatro de marionetas de fío, narración oral e teatro de máscaras. Así, con motivo doDía do Teatro, a Biblioteca de Galicia trae a estrea absoluta da obra Castelao. Un corazón á intemperie.
A obra, dirixida a cativada a partir de 6 anos, detense nos momentos literarios e artísticos máis significativos da vida de Castelao cunha linguaxe adaptada a nenos e nenas. Esta peza escénica representa con marionetas parte da obra do autor: contos de Cousas; narracións de Retrincos, escenas de Os vellos non deben namorarse e o monólogo do esqueleto en Un ollo de vidro.
Esta proposta, que ve a luz no 75 aniversario da morte de Castelao, pretende, ademais, contribuír á normalización e difusión da lingua nas idades máis novas e no contexto familiar e cultural. Ademais, darase a coñecer a figura de Castelao como político, intelectual, escritor e personaxe clave na promoción e normalización do galego debido ao seu profundo compromiso coa identidade cultural de Galicia e a súa convicción de que a lingua é un piar fundamental desa identidade.