Todo preparado para a cuarta edición do Festival Cultural Pozo Mouro de Muimenta

TerraChaXa
Será este sábado con zona de acampada de balde para os que o desexen e un mercadiño cultural
pozomouro-festival
Cartel
22 Ago 2024

Tralo éxito das tres primeiras edicións, este sábado terá lugar a cuarta do festival Pozomouro, organizado pola Asociación Cultural Avelino Iglesias Alvariño na área recreativa Ribas do Miño, en Muimenta.

A data adiántase de novo a edicións anteriores, que se celebraron o 31 de agosto de 2019 e o 4 de setembro de 2022. A celebración comeza todos os anos con música dende media mañá e as actividades complétanse cunha romaría popular na que os participantes deberán achegar o seu xantar.

Así entre as actividades previstas ademais do apartado musical, haberá un obradoiro de danza na natureza con Eva Quiroga e unha ruta á beira do Miño, actos que culminarán coa regulamentaria sesión vermú.

Entre os actos da tarde figura un obradoiro ilustrado con Elr Elvi, de música con Pintega Sistema de Son e de bordado con Virginia.

Para os pequenos haberá unha ludoteca ambulante e os contacontos de Caxoto.

Terá lugar tamén un recital poético con Suso López e Diana Kurichantes, que dará paso aos concertos.

Os protagonistas deste ano serán Old Times Spooks, Habela Hainas, Balkumbia, Zeltia Irevire e DjSet con Sapoconcho SemPoncho e Rorro.

A organización lembra que haberá zona de acampada de balde para os que o desexen e un mercadiño cultural.

0.18930602073669